PERSOAL

O Concello aforrou máis de 200.000 euros en horas extras de Policía Local e Bombeiros no segundo semestre de 2011

09/03/2012 A concelleira de Persoal, Amelia González, ofreceu en rolda de prensa algúns datos sobre o aforro producido nos últimos meses en horas extras da Policía Local e dos Bombeiros e tamén do Parque Móbil municipal. Segundo indicou, estes aforros son consecuencia dunha "mellor reorganización" e realizáronse "sen merma para o funcionamento dos servizos".

No caso das horas extras, a concelleira fixo unha comparativa do gastado en horas extras da Policía Local e dos Bombeiros no último semestre de 2011 respecto ao mesmo período en 2010. Así, de xullo a decembro de 2011 gastáronse por este concepto, no caso da Policía, 214.904 euros, fronte aos 382.116 de 2010, o que supón un aforro de 167.212 euros. En horas extras dos Bombeiros, o gasto de xullo a decembro de 2010 fora de 119.290 euros, mentres que en 2011 o gasto quedou nos 75.733 euros, deixando un aforro de 43.557 euros.

Estas medidas de aforro concretáronse tamén no Parque Móbil, composto na actualidade por case 90 vehículos. En primeiro lugar, Amelia González referiuse á redución do gasto no seguro de accidentes, pasando dunha póliza de 57.189 euros en 2011 a unha de 36.000 euros para 2012. Trátase pois dun aforro de 21.000 euros, isto é, case un 37% menos de gasto.

Ademais, falou dos aforros producidos en man de obra a raíz da medida consistente en que o persoal do Parque con coñecementos de mecánica realizara as operacións menores de mantemento, tales como cambio de rodas, aceite, etc, evitando levar os vehículos aos talleres nestes casos. Puxo tres exemplos desta redución. Así, mentres en decembro de 2010 o gasto en pezas e man de obra fora de 9.243 euros, no mesmo mes de 2011 baixou a 3.312 euros, un 67% menos. De xaneiro de 2011 a xaneiro de 2012 pasouse dun gasto de 8.369 euros a outro de 2.871, un 75% menos. Finalmente, en febreiro de 2011 o gasto fora de 13.566 euros, polos 4.086 de febreiro de 2012, rexistrándose unha redución do 70%

En relación a este tema, a edil indicou que no exercicio 2010 se contratou un servizo de mantemento de vehículos municipais por importe de 103.448 euros, finalizado o 12 de xullo de 2011. Pero en abril de 2011 este orzamento xa estaba esgotado, polo que se emitiron a maiores ata decembro facturas por 36.000 euros. Tamén apuntou un aforro de 5.000 euros en lavados.

"Estamos no bo camiño, afirmou Amelia González a vista destas das cifras dun aforro que "seguiremos realizando ao longo de toda a lexislatura", xa que, ao fin e ao cabo, "trátase de xestionar o diñeiro de todo os composteláns".

Compartir: