CULTURA

Joe Lovano en concerto no Jazz in Blue

06/03/2012 Este martes 6, segunda cita do ciclo Jazz in Blue logo do concerto de Erik Truffaz. Nesta ocasión, visita a cidade Joe Lovano, que que ofrece un concerto no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas. Ademais, desta vez hai unha novidade na programación xa que, despois do concerto, haberá unha jam session no NH Obradoiro (enfrente do Auditorio) co Iago Fernández Cuarteto. O Jazz in Blue péchase con The Bad Plus, que estarán no Teatro Principal o 13 de maio.

O concerto foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Ángel Currás, acompañado polo brand manager de 1906, Juan Paz, e polo propio Joe Lovano. Este, nado en Cleveland (Estados Unidos) en 1962, é un dos grandes saxofonistas da escena do jazz post bop actual, tanto pola súa carreira como solista como polos seus discos e colaboracións xunto a Paul Motian e Bill Frisell, John Abercrombie, Charlie Haden, Steve Kuhn, McCoy Tyner ou John Scofield, entre outros artistas fundamentais.

Estudou en Berklee College of Music e iniciouse nas big bands de jazzmen tan emblemáticos como Woody Herman e Mel Lewis. En 1985 publicou o seu primeiro disco como líder e en 1994 gañou o premio Down Beat ao Mellor Álbum do Ano con Quartets: Live at the Village Vanguard. A finais dos 90 formou Saxophone Summit con Dave Liebman e Michael Brecker e en 2006 lanzou Streams of Expression, unha homenaxe ao cool e ao free jazz. O seu último álbum é Bird Songs (2011), editado a través de Blue Note Records, que fai o número o 22 da súa carreira.

O Iago Fernández Cuarteto ofrece unha jam session ao remate do concerto no NH Obradoiro, hotel que se atopa xusto enfrente do Auditorio de Galicia. A entrada será de balde. Iago Fernández Cuarteto está formado por Pablo Castanho (saxo alto); Virxilio da Silva (guitarra); Juansy Santomé (contrabaixo) e Iago Fernández (batería).

Compartir: