MULLER

O Concello celebrará o Día da Muller cun acto de homenaxe a tres mulleres, obradoiros e un torneo de fútbol sala feminino

02/03/2012 O xoves 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Con tal motivo, a Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego preparou unha serie de actos para esta xornada e días sucesivos: unha homenaxe a tres mulleres pola súa traxectoria persoal e profesional, obradoiros e un torneo de fútbol sala feminino.

Segundo apuntou a concelleira de Muller, Paula Prado, esta é unha data de reivindicación e solidariedade, pero tamén de "celebración polos dereitos adquiridos, sen perder de vista todo o que queda pendente por conseguir: pleno acceso ao emprego, paridade en cargos directivos, conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou erradicación da violencia de xénero". Os actos programados con motivo do Día Internacional da Muller están enmarcados na consecución dos obxectivos do III Plan de Igualdade.

O xoves 8, ás 19:30 horas, o salón vermello do Concello acollerá un acto de homenaxe a tres mulleres en recoñecemento á súa traxectoria persoal e profesional, mulleres de diversos ámbitos da nosa sociedade e que son símbolos do recoñecemento a moitas outras. Así, imporánselle medallas a Victoria Seoane López, fundadora de Ultramarinos Victoria; a Mª del Carmen Ferreira Campos, fundadora da firma Maika Peluqueros; e a Ana Serra García, empresaria artesá e fundadora de Medialúa.

As medallas foron elaboradas especialmente para esta ocasión polo ourive Fernando Mayer e levan impresa unha frase de Concepción Arenal: "Todas as cousas son imposibles mentres o parecen".

Ao día seguinte, ás 17:30 horas, e tamén o sábado 10, ás 17:00 horas, celebrarase na praza Roxa un obradoiro de creación de broches cunha temática relacionada co Día da Muller. O taller está destinado a un publico infantil, acompañado dos seus pais e nais.

Torneo de fútbol sala feminino
Os actos completaranse o 18 de marzo cun torneo de fútbol sala feminino. A competición ten o propósito de "seguir conmemorando un día moi especial e de fomentar e dar a coñecer a práctica diaria de moitas mozas que na nosa cidade practican o fútbol sala", explicou Paula Prado. Nesta iniciativa, o Concellería de Muller ten a colaboración do Departamento de Deportes, da Agrupación de Deportistas Veteranos e da S.D. A Gaiola.

O torneo celebrárase nos pavillóns de Fontiñas e Pontepedriña entre as 10:00 e as 15:00 horas. A competición rexerase polas normas da Agrupación de Deportistas Veteranos. Ata o momento xa hai nove equipos inscritos: Gaiola Centro Deportivo, Milladoiro SD, CD Conxo, FC Meigas, París FSF, Gaiola Omotepan, La Salle e Mesón Río Ulla.

Para complementar esta actividade deportiva, realizarase un obradoiro de decoración de bolsas cunha temática relacionada co día da muller. Está destinado aos nenos e nenas que acudan ao torneo acompañados dos seus pais en nais.

Compartir: