EDUCACIÓN

Os máis pequenos achéganse á música da man do programa "Os contos do país do xeo"

27/02/2012 Celebrouse na Escola Infantil de Conxo o concerto inaugural do Programa de Educación Musical para nenos de 0 a 3 anos, que leva por título Os contos do país do xeo. Trátase dunha iniciativa especialmente deseñada para as escolas infantís pola Escola Municipal de Música.

As escolas infantís do Tambre, Conxo, Fontiñas, San Roque e Tras Parlamento traballan xunto coa Escola Municipal de Música neste proxecto de educación musical. As actividades de Os contos do país do xeo inclúen un concerto didáctico que pretende achegar os máis pequenos á práctica musical a través de contos, cancións, xogos ou obradoiros de instrumentos, entre outras propostas educativas.

Despois desta primeira sesión, as actividades seguirán o martes 28 na Escola Infantil de San Roque (10:00 horas) e na das Fontiñas (12:00 horas). O mércores 29, vez para o centro do Tambre (10:00 horas) e para o de Tras Parlamento (12:00 horas).

Concertos en familia
Dentro do programa tamén están previstas dúas actividades para a participación das familias: o sábado 10 de marzo, ás 12:30 horas, na Galería Sargadelos (rúa Nova, 16); e o sábado 17, ás 12:30 horas, na Fundación Torrente Ballester (rúa do Vilar, 7-9).

Xornada de portas abertas
Ademais, o sábado 3 de marzo haberá un encontro de todas as escolas infantís na propia Escola Municipal de Música. Será a través dunha xornada de portas abertas destinada a que as familias con nenos a partir de 2 anos coñezan as instalacións desta institución educativa musical e o seu programa pedagóxico de introdución da música entre os máis pequenos. Nesta sesión haberá un concerto didáctico destinado a estas idades.

A participación é libre e de balde para todas as familias que, de xeito individual ou participando como grupo organizado coa súa escola, desexen asistir.

Compartir: