URBANISMO

O novo Rexistro Auxiliar de Urbanismo resolve as licenzas de obra menor nun prazo máximo de tres días

24/02/2012 Dende a súa apertura o 1 de febreiro, o Rexistro Auxiliar de Urbanismo realizou 95 rexistros de entrada, outros 111 de saída e emitiu cartas de pago por importe de 7.444 euros. Estas cifras foron anunciadas pola concelleira de Urbanismo, María Pardo, quen destacou a redución producida nos prazos de tramitación de licenzas grazas este servizo, co que isto supón "para a eliminación de trámites burocráticos e a dinamización da actividade urbanística".

A concelleira indicou que, no caso das obras menores, "todas as licenzas son resoltas antes de tres días; e se veñen coa documentación completa, dun día para outro". En particular, expresou a súa satisfacción por unha licenza de obra menor concedida en tres horas.

Tamén salientou a mellora da información que supón o novo Rexistro Auxiliar, ao ser os cidadáns directamente asesorados por técnicos de Urbanismo. Puxo como exemplo o de aquelas persoas que veñen a solicita unha licenza de apertura cando esta pode ser substituída polo procedemento de comunicación responsable, máis rápido.

Moitos cidadáns seguen presentando a súa documentación urbanística no Rexistro Xeral, pero María Pardo cre que é unha "tendencia" e "cuestión de tempo" que a maioría pasen a utilizar o Rexistro Auxiliar, xa que o seu funcionamento é "máis áxil".

Documentos relacionados



Compartir: