Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
PLENO

O Pleno municipal aproba a ordenanza reguladora da inspección técnica de edificacións e nomes para novas rúas

Sesión do pleno municipal.
Ampliar Sesión do pleno municipal.


23/02/2012 O Pleno municipal, na súa sesión ordinaria, aprobou unha lista de nomes para designar novas rúas da cidade. En materia urbanismo, deu o visto bo inicial á ordenanza reguladora da inspección técnica das edificacións (ITE).

O listado, aprobado cos votos favorables de PP e PSdeG-PSOE e o negativo do BNG, servirá para ir dando nomes a rúas que, estando xa hoxe habitadas, carecen de denominación definitiva e para outras necesidades que vaian xurdindo no futuro. A relación inclúe dende anteriores presidentes do Goberno e da Xunta de Galicia ata os nomes das capitais das comunidades autónomas, pasando por persoeiros ou institucións significativas na historia de Santiago ou de Galicia, entidades sociais, clubs deportivos ou autoridades eclesiásticas, entre outros.

ITE
Por outra parte, aprobouse inicialmente por unanimidade a ordenanza que regulará a inspección técnica das edificacións. Este instrumento, segundo se indica na exposición de motivos, "facilitará ao Concello o control sobre o estado das edificacións residenciais e obrigará á propiedade a mantelos nas adecuadas condicións de seguridade e salubridade. Tamén se pretende afianzar na cidade unha cultura da conservación e rehabilitación non só nos aspectos máis visibles dos edificios, como son as fachadas, senón naqueles que son ata máis importantes para os inmobles, como a estrutura, cubertas, instalacións etc., posibilitando a acción preventiva de mantemento e detectando a tempo as posibles deficiencias".

A ordenanza estrutúrase en dous títulos e dezasete artigos. O primeiro título regula a inspección técnica das edificacións e o segundo o rexistro de edificios suxeitos á ITE e o réxime sancionador. Así mesmo, inclúense dous disposicións transitorias e unha disposición final. Todos os edificios que superen os 40 anos de antigüidade deberán someterse a esta ITE, explicou a concelleira de Urbanismo, María Pardo.

Tamén en materia de urbanismo, e cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo dos dous grupos da oposición, saíu adiante o acordo de suspensión da encomenda de xestión a EMUVISSA da urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño.

Medallas policiais
Outro dos acordos do Pleno, cos votos favorables dos tres grupos municipais, foi a designación de persoas que recibirán as medallas do corpo da Policía Local "polo mantemento durante a vida profesional dunha conduta exemplar ou polos méritos contraídos ao longo dun período de tempo". Serán os policías locais Marcelino Pérez Manteca, Juan Vázquez Turnes, Manuel Enrique López Rey e Ramón Brea Bendaña (a título póstumo); o tenente da Garda Civil Miguel Soldán Lema, o inspector do Corpo Nacional de Policía Antonio Fernández Criado e o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela.

Ademais, concédense galóns de mérito a unha serie de axentes do Corpo da Policía Local "que se distinguen polas súas virtudes profesionais e humanas". Son José Manuel Sampedro Alcalde, Víctor Manuel Rodríguez García, Guillermo Blanco Caamaño e José Mosquera Mira. Neste caso, PP e PSdeG-PSOE votaron a favor e o BNG abstívose.

Promoción do Camiño e apoio aos traballadores de Newco
O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha proposición do grupo municipal do BNG para continuar a mellorar a promoción do Camiño de Santiago. Igualmente co apoio dos tres grupos municipais, adoptouse unha declaración instando a Newco (a empresa que prestaba o servizo de handling á Spanair en Lavacolla) e aos sindicatos a que continúen as negociacións co fin de manter o maior número de traballadores no aeroporto compostelán.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal