CIDADE HISTÓRICA

O COAG distingue a reurbanización da praza de San Frutuoso como exemplo de espazo público aberto rehabilitado

06/04/2011 A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, deu a coñecer a distinción concedida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) á obra realizada polo seu departamento na rúa Trindade, na praza de San Frutuoso, como exemplo de espazo público aberto rehabilitado. Para Pedreira, esta actuación representa "o modelo de recuperación urbana que defendemos, ao combinar elementos como pedra, auga e vexetación nos espazos públicos".

A concelleira explicou que a actuación consistiu nunha renovación completa do ámbito. "Fíxose a renovación xeral dos acabados de calzada, beirarrúas e instalacións e, ademais disto, propúxose unha solución singular para a zona da explanada de San Frutuoso, entendendo que é un ámbito ligado á zona de Hortas, condicionado polo pasado como cemiterio de peregrinos durante case cinco séculos e recuperado para os veciños", sinalou.

A solución proposta, realizada polos arquitectos Cristina Ansede e Alberte Quintáns, tratou de ser un vestíbulo a Hortas, en lembranza do seu pasado, coa creación no seu interior de espazos máis abrigados que proporcionen unha escala amable fronte ao muro do Concello de case trinta metros de altura.

Creouse nesta zona un xardín labiríntico de buxo, formando ese vestíbulo ás Hortas, como sempre se fixo nas vivendas galegas de certo tamaño ou nos pazos. Un lugar dominado pola vexetación, pero por vexetación construída, domesticada, con especies ornamentais e pavimentación construída. Trátase dunha especie de filtro entre o construído do Casco Histórico e a natureza exuberante das Hortas.

A distinción do COAG a esta actuación únese á selección para a Exposición Itinerante Metagénesix como obra representativa da Nova Arquitectura de Galicia; á participación na VI Bienal Europea da Paisaxe e ao galardón acadado no Premio Cidades Patrimonio 2010.

Compartir: