CULTURA

A actriz Pilar López de Ayala e o director Oliver Laxe, premios Cineuropa

09/11/2010 A actriz madrileña, Pilar López de Ayala e o director de ascendencia galega, Oliver Laxe, son os premios Cineuropa 2010. López de Ayala recollerá o seu galardón no decurso dunha gala que se celebrará o venres, 26 de novembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, e Oliver Laxe fará o mesmo o 30 de novembro. Así o anunciaron nunha rolda de prensa a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; o director do Festival, José Luis Losa; e o coordinador do Panorama Audiovisual Galego, Martín Pawley.

Co premio a Pilar López de Ayala, o Festival quere recoñecer o traballo dunha das actrices máis sólidas do actual panorama cinematográfico español e que, malia a súa mocidade, ten protagonizado importantes filmes que contribúen a consolidar firmemente a súa carreira e comezan a proxectala internacionalmente. Este recoñecemento vén saldar tamén unha especie de débeda con López de Ayala, xa que o seu nome está asociado creativamente con ata tres directores que teñen o Premio Cineuropa: Manoel de Oliveira (2004), José Luis Guerín e Vicente Aranda (ambos premiados no 2007). A actriz protagoniza o último traballo do realizador portugués Manoel de Oliveira, O estranho caso de Angélica, que será precisamente a película que será proxectada na gala de entrega do seu Premio. Pilar López de Ayala tamén está, omnipresente, nas imaxes de En la ciudad de Sylvia, o filme que acompañara hai tres anos a entrega do Premio Cineuropa a Guerín. E no papel de Juana la Loca -que lle valeu un Goya e a Concha de Prata no Festival de San Sebastián- estivo dirixida por Vicente Aranda, tamén posuídor do Premio do noso Festival.

Na sua filmografía, ademais dos filmes citados, destacan os seus traballos con Montxo Armendáriz (Obaba), Agustín Díaz Yanes (por dúas veces, en Alatriste e Sólo quiero caminar), David Trueba (Bienvenido a casa), Emilio Martínez Lázaro (Las 13 rosas) e a súa proxección exterior en Francia (Comme les autres) ou Arxentina (con Medianeras, aínda non estreada).

Pola súa banda, e no seu compromiso coa produción cinematográfica que se fai en Galicia, Cineuropa xa apostara claramente na súa edición anterior pola poderosa persoalidade que apuntaba o director Oliver Laxe, premio Cineuropa 2010. Na edición pasada do Festival, o realizador presentou un avance do que posteriormente se convertiría na súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns. O filme, que obtivo en Cannes o premio da crítica internacional (FIPRESCI) da Quincena de Realizadores e que poderemos ver na cerimonia de entrega do seu premio, é unha demostración de que para facer bo cine o esencial é o talento. Ese talento de Laxe é o que Cineuropa lle recoñece; e a certeza de que Todos vós sodes capitáns é soamente o inicio dunha traxectoria profesional cargada de calidade e futuro que o situará entre os máis sonados e prestixiosos cineastas.

Ademáis de Todos vós sodes capitáns, Oliver Laxe conta na súa filmografía con dúas curtametraxes moi interesantes, As chemineas decidiron escapar (2006) e Soa unha trompeta, agora vexo outra cara (2007), e a mediametraxe Paris#1 (2008).

Comeza Cineuropa
Neds, o filme do director británico Peter Mullan que hai unhas semanas obtivo en San Sebastián a Concha de Ouro e o premio ao mellor actor, será a película coa que se inaugurará a XXIV edición de Cineuropa. O Festival Internacional -organizado pola Concellería de Cultura de Santiago, prolongarase ata o 3 de decembro e superará este ano os 130 títulos.

O Festival ofrecerá ademais da Sección Oficial, que se centra no mellor cinema europeo do ano, unha selecta escolma das producións máis interesantes do panorama internacional entre as que destacan non só a práctica totalidade do palmarés de Cannes, senón tamén obras premiadas en Berlín, Venecia, San Sebastián, Sitges, e un longo etcétera. Tamén os creadores galegos atoparán un escaparate no que mostrar o seu traballo. Así, o filme de Miguel Ángel Vivas Secuestrados, unha produción galega que acaba de gañar o prestixioso festival de cine de Austin (Texas, E.U.A.) e que causou un forte impacto na súa recente participación Festival de Sitges, será o encargado de pechar este ano Cineuropa.

Ademais da sección oficial da mostra na que competirán os máis recoñecidos filmes europeos producidos este ano, consolídanse seccións como Mundo Asia, Panorama Internacional, Conexión Buenos Aires, Doc-Documentos, Cinefilias, Fantastique Compostela, a Focus Retrospectiva 2010 (dedicada este ano ao cine avalado por Luis Miñarro, o productor máis libre do cine español e internacional), a retrospectiva dedicada este ano aos Rolling Stones, o ciclo de Videocreación (no que se reflicte o proceso de creación de diferentes artistas plásticos españois e portugueses, que van de Antón Lamazares a Ouka Lele) e a sección En Galicia, á parte do maratón de cine. Cada unha destas seccións está centrada nun xénero concreto do cine dándolle ao espectador a posibilidade de gozar do mellor de cada unha delas.

O novo cine galego
Precisamente, a sección En Galicia é unha aposta pola autoría entendida como liberación dos canons e pola que Cineuropa xa optou con claridade na súa anterior edición. Este ano, a busca dese cine de ruptura dentro do panorama audiovisual galego é máis extensa e reuníronse as obras dun total de 29 autores con perspectiva de presente e de rabioso futuro. O compromiso coa producción que se fai no noso país presenta unha selección de obras de autores como: Ramiro Ledo; Juan Lesta e Belén Montero; Susana Rey; Juan Carlos Lausin; Andrés Victorero; Marcos Nine; Antón Caeiro; Lisi González; Cora Peña; Eloy Enciso; Alberte Pagán; Xurxo González; David Castro Sopeña; Lara Bacelo; Marcos Nine; Xacobe San Martín, Víctor Hugo Seoane, Vanessa Vila Verde, Joao Jose Varela, Eduardo Maragoto, Iván Marcos; Manu Mayo; Ángel Agudo; Lois Patiño; José Manuel Mouriño; Peque Varela; Ángel Santos e Pablo Millán.

Actividades paralelas
De xeito complementario á propia mostra cinematográfica, Cineuropa organizará outras actividades complementarias como os Encontros co Público. Para estes coloquios está confirmada xa a presenza de dous directores españois: Jonás Trueba, que presentará en Santiago a súa ópera prima Todas las canciones hablan de mí, e Manuel Martín Cuenca, quen con La mitad de Óscar foi moi aplaudido no festival de Toronto. Tamén participarán nestes encontros cos cinéfilos moitos dos realizadores galegos presentes na sección En Galicia. E un protagonismo especial terá o cineasta e produtor independente Luis Miñarro, a quen este ano se dedica a Focus-Retrospectiva 2010.

O tradicional maratón de cine comezará na noite do sábado 27 de novembro e prolongarase durante máis de 14 horas, converténdose no máis longo e escalofriante de todas as edicións de Cineuropa, co titulo xenérico de Skalofrío. A música gozará tamén de proposta propia co ciclo dedicado aos Rolling Stones.

O día 21 haberá un concerto -en colaboración coa Sala Nasa- no que actuarán o grupo vigués de horror-reggae Transilvanians e os xamaicanos The Skatalites, o conxunto de reggae máis reputado internacionalmente. En Cineuropa realizaranse tamén, unha vez por semana, obradoiros de iniciación ao cine e proxeccións infantís, dirixidas aos nenos e nenas, futuros espectadores do festival. E un taller de guión, en colaboración tamén coa Sala Nasa, centrado nas relacións entre o guión cinematográfico e o teatral, en torno a construción da obra Citizen e a súa relación co filme Citizen Kane.

Venda de entradas
As películas proxectaranse en cinco salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, Aula de Cultura e sede da Fundación Caixa Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea. A adquisición de localidades poderá facerse por teléfono (902434443) e internet (www.caixagalicia.es), ademais de nas billeteiras do Teatro Principal, o Salón Teatro (cando haxa proxeccións) e na Aula de Cultura de Caixa Galicia. O prezo das películas é de tres euros (o abono de dez pases é de 20 euros); o maratón, cinco; e o concerto de Transilvanians e Skatalites, 22 (a venda de entradas para este concerto será na Sala Nasa).

Os filmes das seccións do panorama audivisual galego, o cine de videocreación dos artistas plásticos portugueses e españois e os do ciclo dos Rolling Stones son de balde ata completar o aforo.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: