Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ORZAMENTOS

Preto de 116 millóns de euros para uns orzamentos equilibrados nos que se incrementa o gasto social

Elvira Cienfuegos e Andrés Fariña.
Ampliar Elvira Cienfuegos e Andrés Fariña.


22/01/2009 O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, e a portavoz da Xunta de Goberno, Elvira Cienfuegos, presentaron as grandes cifras dos orzamentos municipais para 2009, aprobados nunha Xunta de Goberno extraordinaria. O orzamento de gastos ascende finalmente aos 115.889.950 euros, un 1,48% máis que en 2008.

Uns orzamentos "equilibrados". Así os definiu o concelleiro de Facenda, recordando que o superávit de anos anteriores se empregaba en financiar a débeda. Ademais, tanto Andrés Fariña como Elvira Cienfuegos destacaron o maior gasto social previsto e os máis de 24 millóns para inversións.

Así, en canto ao capítulo de gastos, referiuse Fariña aos 36. 205.875 euros para gastos en bens correntes e servizos, o que supón un 6,9% máis que en 2008. Neste capítulo rexístranse incrementos significativos en áreas como o mantemento dos colexios ou o alumeado público, entre outras. Cómpre destacar que este ano tamén se incorpora un gasto para os traballos que en torno ao programa URBAN lle corresponde desenvolver ao Concello e que supoñen 370.000 euros.

A vocación social destes orzamentos tamén se manifesta no capítulo de transferencias correntes, con 9.838.906 euros. Aquí aparecen conceptos como transferencias ás familias, ás entidades sociais, ou ao transporte público. Este último gasto medra un 5,8% e cómpre lembrar que a suba do custo deste servizo é asumida polo Concello ao non incrementarse o prezo do billete.

Estes capítulos, unidos aos gastos de persoal, con 32.655.139 euros e aos gastos financeiros, dan un gasto corrente de 81.670.000 euros. A estes tamén engadiu o concelleiro os 7.226.738 euros do achegado polo Concello para amortizacións de capital e intereses.

24,5 millóns para investimentos
Respecto aos investimentos, cifrados en 24.526.419 euros, o concelleiro indicou que a redución respecto da cantidade estimada inicialmente se debe unicamente a axustes contables e non a unha redución das cantidades. Así, vanse incluír unicamente 6 millóns de euros das cotas de EMUVISSA, fronte aos 10 millóns previstos inicialmente, e desaparece do orzamento de inversións a cantidade destinada á reforma do Mercado de Abastos, xa que finalmente esta obra realizaraa o Ministerio de Vivenda. A mingua tamén procede de algo máis de 1,1 millóns de euros de achegas autonómicas para a rehabilitación de Vista Alegre e do Casco Histórico, que se incorporan á anualidade 2008 e, polo tanto, no orzamento de 2009 aparecerán como remanente de crédito.

Recordou tamén Fariña que no capítulo de investimentos non se inclúen nin os máis de 16 millóns do fondo estatal de inversión pública, nin os algo máis de 4 millóns que o Concello podería solicitar como crédito suplementario ao autorizarse legalmente polo Estado o incremento do índice de endebedamento.

En canto aos ingresos, o concelleiro destacou que o incremento medio dos ingresos por impostos e taxas sitúase entre un 1,6 e un 2,2%. Esta suba –dixo- non procede do incremento de taxas, senón nas melloras na recadación grazas a unha maior rigorosidade na inspección tributaria. O capítulo de transferencias correntes (do Estado, da Xunta, do Consorcio...) alcanza os 27.920.764 euros, un 4,9% máis que en 2008.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal