REFORMA ADMINISTRATIVA

Unha comisión canalizará as queixas e suxestións dos cidadáns sobre a marcha dos servizos municipais

27/10/2008 A Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións velará polo cumprimento dos dereitos dos cidadáns na súa relación co Concello. Nela os veciños poderán formular suxestións e queixas, as cales deberán ter resposta nun prazo máximo de tres meses. A posta en marcha desta Comisión someterase á aprobación definitiva do Pleno municipal o 30 de outubro.

A concelleira de Réxime Interior e Reforma Administrativa, Rosa Fernández, presentou esta Comisión, na que estarán representados todos os grupos municipais (2 PSOE, 2 PP e 1 BNG). Segundo indicou, o seu obxectivo é a defensa dos dereitos dos veciños nas súas relacións coa Administración municipal e supervisar a actuación desta.

A Comisión configúrase coma un instrumento de participación cidadá a través da presentación das suxestións. Isto permitirá escoitar aos veciños e veciñas á hora de contribuír a mellorar a xestión dos asuntos públicos. Converterase así nunha ferramenta para mellorar a xestión e conseguir unha Administración municipal eficiente.

Para Rosa Fernández, "a presentación dunha queixa ou suxestión recibímola como unha oportunidade de mellora, xa que nos achega información de primeira man sobre como é percibida a calidade dos servizos municipais".

Informe anual e oficina de apoio
En canto ao funcionamento, dentro do primeiro semestre de cada ano, a Comisión presentará un informe anual sobre as queixas e as deficiencias observadas no funcionamento dos servizos municipais. Este informe será elevado ao Pleno, e recollerá a tipoloxía das suxestións, reclamacións e queixas presentadas, así como as deficiencias observadas no funcionamento dos servizos municipais.

A Comisión tamén poderá facer informes extraordinarios cando a gravidade ou a urxencia dos feitos o aconsellen, así como recomendacións xerais para a mellora dos servizos públicos e a atención ao cidadán. O resumo do informe anual será público.

Este órgano estará apoiado administrativamente pola Oficina de Queixas e Suxestións e recibirá desta mensualmente un listado das reclamacións e suxestións coa indicación do servizo ou unidade de afectados, trámites realizados e solución adoptada.

Materias de competencia municipal
As queixas ou suxestións presentarse sobre materias de competencia municipal. Poderá presentalas calquera persoa física ou xurídica sen ningunha limitación de nacionalidade ou residencia. En calquera caso, con esta vía non se adquire a condición de interesado nun procedemento nin se dá lugar a apertura da vía do recurso.

Quedan excluídas deste procedemento as suxestións ou queixas que omitan datos esenciais, as que supoñan abuso de dereito, as que deriven de problemas entre particulares e as que estean pendentes de resolución xudicial ou administrativa ata a súa resolución expresa.

Presentación presencial ou telemática
As queixas ou suxestión poderán presentarse presencialmente nas caixas de correo habilitadas para tal fin nos Rexistros do Concello e mesmo verbalmente na Oficina de Atención ao Cidadá. Ademais, haberá un apartado na Carpeta Cidadá da páxina web do Concello para este mesmo fin. Calquera destas queixas deberá ter resposta no prazo máximo de tres meses.

Compartir: