CENTROS SOCIOCULTURAIS

O barrio do Ensanche indaga na súa historia

03/05/2007 A concelleira de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, presentou unha nova entrega do proxecto"A historia vai por barrios", que nesta ocasión se ocupa do barrio do Ensanche. O venres 4 de maio, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, inaugúrase esta mostra, que indaga no pasado desta zona da cidade.

A exposición consta duns vinte paneis nos que con textos e imaxes se amosan os principais fitos da historia deste barrio. O período abarcado vai dende as primeiras noticias, que proceden dos tempos medievais, ata as mais recentes. Haberá dous tipos distintos de paneis, uns de contido máis cronolóxico e outros de carácter temático. A eles engádense outros seis de menos tamaño que apuntan datos concretos de xeito breve.

Os paneis de contido cronolóxico ofrecen visións panorámicas sobre os diferentes períodos: na Idade Media o actual Ensanche configurase basicamente como un espazo extramuros, de dedicación agraria e cruzado polos camiños que ían a Ourense, Pontevedra e Conxo. É nos tempos modernos cando nacen os barrios da Senra, Vilanova (hoxe Rúa Nova de Abaixo), Hórreo, Carreira do Conde, etc., que por aquel entón eran so agrupacións de casas que se estiraban ao longo dos camiños. Vivían alí labregos, pequenos artesáns, pero tamén coengos ou algúns profesionais liberais. É un modelo que se mantivo ata ben entrado o século XIX, aínda que a poboación foi en aumento e os antigos vieiros comezaban a conformar rúas con ringleiras de casas.

A expansión definitiva da cidade cara ao sur comeza a albiscarse a finais do século XIX, cando a burguesía do comercio e a industria comeza a construír as súas vivendas nestes barrios. O Ensanche clásico tardará en chegar pero aquí xa se poden ver as bases do seu desenvolvemento futuro. Continúa sendo un barrio heteroxéneo: nas rúas máis importantes viven familias máis ou menos acomodadas pero a medida que se sae delas, medran as casas modestas dos xornaleiros e empregados. Aquí e acolá, obradoiros de artesáns, pequenas fábricas, almacéns... A liña de ferrocarril de Cornes deu a toda esta zona un forte cariz industrial e comercial e promoveu un estiramento da cidade cara ao sur.

Orixes

Aínda que o Ensanche actual é froito das actuacións urbanísticas da segunda metade do século XX, as súas raíces atópanse nas primeiras décadas dese século. Ábrense entón as rúas Montero Ríos e Doutor Teijeiro, ás que seguirían as demais; prodúcense sucesivas aliñacións de rúas e proxectos urbanísticos insólitos como a cooperativa das Casas Baratas ou a Rosaleda. Ao tempo a veciñanza vaise diversificando: hai familias de todos os tipos, establecementos industriais e almacéns, pero tamén cafés e locais de ocio. As imaxes antigas do barrio reflicten un dinamismo que aínda hoxe en día permanece.

O proxecto de Ensanche elaborado en tempos da República é o punto de partida inmediato do barrio actual, aínda que o proxecto inicial foi reformado en varias ocasións para proporcionar maior edificabilidade. Estes cambios da filosofía inicial tiñan a súa orixe no crecemento demográfico dos anos 60 e 70 e na definitiva consolidación de Santiago como capital educativa, sanitaria e de servizos.

Apuntes históricos

Os paneis temáticos recollen aspectos concretos do pasado do Ensanche que merecen unha atención pormenorizada: a Alameda –se cadra o espazo histórico mais recoñecido do barrio-; a arquitectura e lugares desaparecidos –antigas rúas, edificios tradicionais de galerías de madeira, establecementos como o cine Royalty-; a arquitectura mais senlleira –non so os edificios sobradamente coñecidos como o do Parlamento senón tamén os modernistas da Senra e Hórreo ou o racionalismo presente en Montero Ríos, Rosalía de Castro ou Doctor Teijeiro-; a Residencia Universitaria –hoxe Campus-; as denominacións do rueiro; notas históricas sobre o lecer; a configuración parroquial; o desenvolvemento histórico da idea do Ensanche; a situación do barrio respecto ao resto da cidade; a fábrica do gas e a primeira iluminación centralizada da cidade; e a Exposición Rexional de 1909
. Finalmente, de xeito mais breve, a exposición lembra á veciñanza a personalidade de Manuel José Ramírez e a de Rosalía de Castro –nacida preto do que hoxe é a Praza de Vigo-; así como o campo de Mendo, onde se xogaba ao fútbol; a parada de autobuses e todo aquel mundo dos primeiros automóbiles; a chegada do ferrocarril, os estudantes e a pequena historia dun comercio que xa se pode considerar tradicional.

A montaxe segue a liña do programa na súa imaxe e aspecto, se ben é a mais grande de todas as mostras, porque as dimensións do centro sociocultural permitían unha montaxe mais ampla.

Actividades paralelas

De xeito paralelo á exposición deseñouse tamén un programa de actividades, pensadas para todos os públicos. Destaca "Un Ensanche de película", grazas ao que se exhibirán diversos documentais sobre a historia de Santiago e do propio barrio, o martes 8 de maio, ás 20:00 horas: "Un viaje por Galicia" (1929), "Un viaje por Galicia" (1958) e "Tintorería España" (1927).

Tamén se programou unha visita guiada polo barrio o mércores 23 de maio, ás 19:00 horas, e un obradoiro de historia viva para todos os martes ás 19:00 horas.

"A historia vai por barrios" visitou xa os barrios de San Pedro, A Rocha, Villestro e Vite. Este programa é un proxecto de dinamización para os Centros Socioculturais que ten como tema principal a historia de cada barrio. En cada un deles lévase a cabo unha exposición na que se amosan os aspectos básicos da súa historia e unha serie de actividades dirixidas a que a veciñanza coñeza mellor o seu pasado.

As distintas exposicións van logo rotando por cada un dos barrios que participa no proxecto. Trátase en definitiva de que os veciños coñezan tamén o pasado dos outros barrios e se creen espazos de relación entre os seus habitantes.

Compartir: