ALCALDÍA

O alcalde salienta a importancia do PMUS na definición da mobilidade do Santiago do futuro

17/03/2023 O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa do inicio dos encontros participativos do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que arrancaron onte no centro sociocultural de Santa Marta, con "éxito de participación".

A elaboración do PMUS "é un proceso moi complexo, pero que debe supor unha transformación e unha mellora moi substancial na calidade de vida da cidadanía", salientou o rexedor compostelán que engadiu que "será unha peza fundamental do modelo de cidade da próxima década".

Este PMUS, cuxos estudos previos comezaron en novembro de 2022, non "xorde ex novo: está baseado no anterior PMUS de 2010, no pacto pola mobilidade e en toda unha serie de actuacións que levamos realizando como as incluídas no Smartiago e as relacionadas coa plataforma loxística de distribución de mercadorías". Será ademais, unha pata fundamental da elaboración da Axenda 2030.

Sánchez Bugallo agradeceu a participación no I Foro da Mobilidade que se celebrou onte e que encaixa na fase participativa do proxecto, que se desenvolve en dúas liñas: as enquisas á cidadanía, que xa se están a celebrar, e a participación directa, como esta xuntanza inicial que congregou máis de 150 persoas no centro sociocultural de Santa Marta.

O obxectivo co que se traballa é que os estudos previos estean remados en 2023, que en 2024 se elaboren e tramiten as normas necesarias e que en 2025 estean listas para a súa aplicación. "Hai que ordenar o reparto de mercadorías, a Intermodal, as zonas de baixas emisións....", entre outros elementos que se producen nunha cidade "cun casco urbano dunhas 2.500 hectáreas das cales 500 son de solo industrial; 500, de parques públicos; 500, de solo institucional e 1000 están ocupadas por algo máis de 50.000 vivendas onde viven algo máis de 80.000 persoal": un "casco urbano moi rico, pero complexo de organizar". A isto hai que sumar 21 parroquias rurais e 8 rururbanas, e un "terceiro reto adicional: en Santiago traballamos 67.000 persoas e case 30.000 veñen de fóra cada día. Se engadimos os diferentes tipos de servizos temos unha cidade cunhas demandas especiais de mobilidade" que o PMUS deberá encaixar.

Sánchez Bugallo aproveitou a comparecencia para referirse a outros asuntos. Sobre a Casa da Xuventude indicou que "traballamos coa intención de levar á Xunta de Goberno do luns 27 a proposta" para ese espazo e amosou a súa satisfacción polo avance das obras no ámbito de Romero Donallo: "é unha actuación fundamental para coser a cidade".

Compartir: