EDUCACIÓN

Abertos os prazos para inscribirse nos programas de conciliación do Entroido das Escolas Infantís Municipais e no espazo de lecer María Miramontes

15/01/2023 A concellaría de Educación ten abertos os prazos para inscribirse nos programas de conciliación do Entroido que se van desenvolver, como o ano pasado, nas Escolas Infantís Municipais e no espazo de Lecer María Miramontes. Nas primeiras, o prazo para inscribirse está operativo durante todo o curso; e no segundo abriuse o pasado 11 de xaneiro e péchase o próximo venres, día 20.

Nos obradoiros para a conciliación familiar e laboral das Escolas Infantís municipais, que contan con servizo de madrugadores e comedor, a oferta é de 45 prazas: 15 na de Meixonfrío-Salgueiriños, 15 na das Fontiñas e 15 na de Conxo. Están dirixidas a nenos e nenas empadroadas en Santiago, ou que cursen os seus estudos en centros de educación infantil e primaria desta cidade, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos, é dicir, segundo ciclo de educación infantil e primeiro e segundo de educación primaria.

Os horarios durante as vacacións escolares, e tamén durante o ciclo do Entroido, son de 10.00 ás 14.00 h, aínda que as familias poden ampliar este servizo co horario de almorzo (das 7.30 ás 10.00 h); e de comedor (de 14.00 a 15.00 h) e tamén en horas a maiores (15:00 a 16:00 h). O prazo de presentación está aberto todo o ano se quedan prazas vacantes. Neste momento pódese presentar solicitude, que se admitirán por orde de chegada ao rexistro.

En canto ao programa de conciliación da ludoteca María Miramontes é de balde e está destinado a menores entre os 3 e os 12 anos. O prazo para presentarse está aberto ata o 20 de xaneiro. En total, o programa "Vacaludos Entroido" oferta 73 prazas: 20 para nenos e nenas de 3 anos; 30 para menores de 4, 5 e 6 anos; e 23 para cativos de 7, 8, 9, 10, 11 e 12 anos; en horario de 7:45 a 15:00 h. Están dirixidas a nenos e nenas empadroadas en Santiago, ou que cursen os seus estudos en centros de educación infantil e primaria desta cidade. Neste caso non conta con servizo de madrugadores nin de comedor.

Todas as persoas que desexen participar nas actividades da Ludoteca (tanto nos períodos lectivos como non lectivos, no que se inclúe o Entroido) deben estar dadas de alta como requisito imprescindible (modelo ED009), dispoñible na sede electrónica do Concello. Deberán cubrir o modelo de solicitude mencionado no que facilitarán a información e documentación correspondente, autorizan a estadía do menor na instalación e aceptan as condicións de funcionamento interno.

Aquelas familias de nenos/as que xa están dados de alta no Espazo Miramontes deben cubrir o formulario de solicitude requirido. Unha vez realizado este trámite, recibirán comunicación mediante correo electrónico informando sobre o estado da súa solicitude. Se as circunstancias laborais e familiares mudaron dende a data de alta no Espazo Miramontes deberán acreditalo coa documentación actualizada correspondente.

Compartir: