ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa satisfacción polo selado do vertedoiro de Miramontes

29/12/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou hoxe que o peche do vertedoiro de Miramontes "era algo anunciado" polo Goberno municipal, xa hai aproximadamente medio ano. Daquela, sinalou, "informouse de que era necesario completar o nivel para poder proceder a ese selado. Vanse cumprindo os prazos e creo que todos debemos estar satisfeitos de que se poña fin a esa actividade".

Este cese da actividade faríase, explicou, "cun proceso de recuperación medio ambiental que permita recuperar a imaxe do antigo monte. Eu espero que non volva abrir nin se volva autorizar unha actividade deste tipo na contorna de Santiago".

O deseño da xeometría de selado establécese sobre as seguintes bases:

- Acceso. Manterase o actual acceso ao vertedoiro a través da pista situada ao sur do vertedoiro e que comunica coa pista perimetral do mesmo.
- Noiros. O noiro final de proxecto será como máximo do 50%. Entre berma e berma non terán de desenvolvemento, en sentido de máxima pendente, máis de 22,5 metros con altura entre bermas igual ou menor a 10 metros.
- Bermas e pistas. Deséñanse bermas de 8 metros de ancho con pendente do 2% en sentido transversal cara ao interior do vertedoiro e cunha pendente aproximadamente entre o 5 e o 10% en sentido lonxitudinal.
- Copete. Proxéctase deixar unha pequena chaira lonxitudinal que permita a manobra de maquinaria pesada e as operacións de selaxe, con pendente dun 2% en sentido noroeste.
- Superficie. A superficie real do selado é de 42.552 m2."

No proxecto empregarase un paquete de xeosintéticos, colocados encima do residuo formado por xeotéxtil, PEAD xeored, de abaixo a arriba, respectivamente.

Na base estará a capa de xeotéxtil de polipropileno de 300 g/m2 de densidade, sobre o residuo debidamente regularizado, coa misión principal de protexer a xeomembrana de PEAD.

A continuación colocarase esta xeomembrana de polietileno de alta densidade PEAD (HDPE) de 2 mm de espesor, con texturizado en ámbalas caras. E despois unha capa de xeodren, formado por unha xeorred tridimensional de PEAD de 5 mm de espesor, con 2 xeotéxtiles de 120 g/m2 , coa función de drenar a auga que chega desde a parte superior á membrana de PEAD e, ao mesmo tempo, protexela.

E por último, botarase unha capa de terra vexetal seleccionada, duns 50 cm., co obxecto de contribuir a revexetación da zona con catro especies de herbas e dúas leguminosas.

O sistema de desgasificación estará formado por pozos dun metro de diámetro recheos de material horfítico limpo e conectados ao exterior con chimeneas de venteo. Dispón dun radio de acción de 37,5 metros cun total de 18 chimeneas de desgasificación, segundo se explica no proxecto.

Compartir: