EDUCACIÓN

As escolas municipais infantís ofertan as últimas prazas dispoñibles para os obradoiros de conciliación

23/11/2022 As familias interesadas aínda están a tempo de solicitar unha praza nos obradoiros de conciliación das escolas infantís de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. Un ano máis, o Concello de Santiago pon en marcha esta actividade dirixida a nenos e nenas entre os 3 e os 8 anos cuxo obxectivo é axudar ás familias a conciliar a vida laboral e persoal nos períodos non lectivos e extraescolares. Ademais, desde o pasado mes de setembro os solicitantes poden beneficiarse da importante redución das tarifas municipais.

As escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños contan aínda con prazas dispoñibles para os obradoiros de conciliación para o curso escolar 2022-2023. O obxectivo desta proposta é ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre para os máis pequenas nos períodos non lectivos extraescolares ao mesmo tempo que se facilita a conciliación da vida familiar, laboral e persoal.

Os destinatarios son os nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela, ou que, sen estar empadroados cursen os seus estudos en centros de educación infantil e primaria en Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos, é dicir, 2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria.

A cativada inscrita poderá asistir aos obradoiros ao longo de todo o curso escolar (de setembro a xuño) entre as 16:00 e as 20:00 horas con opcións de ampliación de horario. Ademais tamén contarán con esta opción en días soltos e durante as vacacións escolares (primeiros días de setembro, Nadal, Entroido, Semana Santa e últimos días de xuño). As prazas de obradoiros en vacacións escolares que non se cubran cos nenos/as matriculados nos obradoiros do curso escolar serán ofertadas e cubertas por rigoroso orde de inscrición.

O número total de prazas ofertadas na convocatoria é de 45, 15 por cada unha das escolas infantís: Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños.

Solicitudes de obradoiros

As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica do Concello de Santiago (trámite "inscrición nos obradoiros das escolas infantís municipais", solicitude ED003) ou de xeito presencial no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Prezos públicos reducidos

A Xunta de Goberno Local na sesión celebrada o pasado 19 de setembro aprobou, a proposta do Departamento de Educación, os novos prezos públicos para o servizo de obradoiros nas Escolas Infantís Municipais que supón unha importante redución do seu custo por razóns de interese social e de efectividade das políticas educativas municipais así como de atender aos fins complementarios de atención á conciliación familiar, laboral e persoal e de igualdade de xénero.

Direcciones relacionadas



Compartir: