ALCALDÍA

Gonzalo Muiños asume as competencias de Barrios e Obras e Sindo Guinarte, Festas

22/11/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta esta mañá en rolda de prensa da remodelación do grupo goberno, acompañado polo concelleiro Sindo Guinarte, logo da renuncia do edil Javier Fernández, formalizada no día de onte.

Segundo indicou o rexedor, Gonzalo Muíños asume as competencias en Relacións Veciñais, Barrios e Obras, ao tempo que mantén Mobilidade e Seguridade Cidadá, con excepción do Servizo municipal de Extinción de Incendios e de Protección Civil, que pasan a Sindo Guinarte. O actual concelleiro de Turismo asume tamén a delegación de Festas.

Sánchez Bugallo agradeceu a ambos edís "a súa dispoñibilidade para asumir estas responsabilidades" no marco dunha remodelación que busca "a maior eficacia" na defensa dos intereses da cidadanía. Tamén confirmou a delegación das competencias de Centros Socioculturais en Mercedes Rosón, publicada no BOP de onte.

Por último, deu conta do axuste que se produce na Xunta de Goberno local, órgano do que pasan a formar parte os concelleiros Rubén Prol e Esther Pedrosa.

Decreto de delegación de competencias

En virtude do decreto de delegación de competencias asinado no día de hoxe polo alcalde, as concellerías mencionadas quedarían do seguinte xeito:

CONCELLARÍA DE PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS, TURISMO, FESTAS, PROTECCIÓN CIVIL E SERVIZO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS E EMERXENCIAS E DELEGADO DO ANO SANTO: don Gumersindo Guinarte Cabada, con competencias en Turismo, INCOLSA, cooperación, dereitos cidadáns e padrón de habitantes. Así como a delegación xeral de sinatura.

CONCELLARÍA DE MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ, BARRIOS, OBRAS E RELACIÓNS VECIÑAIS (relacións veciñais na zona urbana): don Gonzalo Muíños Sánchez, con competencias na Policía Local, Tráfico, servizos de Grúa e ORA e sobre a Brigada Municipal de Obras.

Compartir: