MEDIO RURAL

O Plan Único da Deputación e o Concello de Santiago suman forzas para ampliar a ponte da Ruta da Prata na Cañoteira

23/11/2021 A colaboración entre o ente provincial e o Concello tamén permitirá levar a cabo un importante investimento de 459.717 euros para pavimentar estradas de Pardiñas (Laraño) e construír unha senda peonil que conecte este núcleo poboacional coa marquesiña de autobús. As actuacións atópanse en fase de licitación ata o 14 de decembro.

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan Único, e o Concello de Santiago suman forzas para mellorar a seguridade viaria e as insfraestruturas do municipio coa ampliación da ponte da Ruta da Prata sobre as vías do ferrocarril na estrada de Cañoteira de Marrozos a Ardagán. Froito desta estreita colaboración, tamén se creará unha senda peonil e se renovarán vías no núcleo de Pardiñas, na parroquia de Laraño.

As actuacións acondicionarán espazos que se atopaban deteriorados polo paso do tempo ou que presentaban estreitamentos que dificultaban a correcta circulación do tránsito rodado e peonil. Deste xeito, o ente provincial investirá 212.000 euros a través do seu Plan Único para ampliar o paso elevado do camiño xacobeo da Ruta da Prata na estrada local de Cañoteira de Marrozos a Ardagán sobre as vías da antiga liña de ferrocarril de Ourense a Santiago.

O proxecto permitirá que o ancho da plataforma pase dos 3,8 metros actuais aos 10 metros. Esta é a medida necesaria para facilitar o xiro de 90º que os vehículos procedentes de Cañoteira de Marrozos teñen que realizar no comezo da obra de paso. Esta actuación incrementará de forma substancial a seguridade dos vehículos que discorran pola zona. Para a ampliación do paso superior deseñouse unha solución estrutural similar á existente, composta por semibóvedas prefabricadas de formigón que se apoiarán sobre catro cimentos. A sección de firme estará constituída por unha capa de rodaxe de mestura bituminosa e nos accesos á ponte por unha base de zahorra artificial.

As obras, que se atopan actualmente en fase de licitación ata o 14 de decembro, inclúen a reposición das instalacións afectadas pola execución das tarefas: abastecemento de auga potable, saneamento de augas residuais, drenaxe de augas pluviais, alumeamento público, telecomunicacións e baixa tensión. Así mesmo, tamén se instalarán nova sinalización e módulos de cerramento de protección antivandalismo. As tarefas contan cun prazo de execución de catro meses.

Estradas máis seguras no núcleo de Pardiñas con novos pavimentos e unha senda peonil
A colaboración entre a Deputación e o Concello de Santiago tamén contempla un importante investimento de 459.717 euros para acondicionar e mellorar pavimentos en Pardiñas, na parroquia de Laraño. As actuacións tamén contribuirán a incrementar a seguridade peonil coa construción dunha senda de formigón que conectará o núcleo poboacional coa marquesiña do autobús.

Deste modo, levaranse a cabo traballos de asfaltado e de limpeza e acondicionamento das marxes das estradas para favorecer a escorrentía de augas pluviais. Tamén se contempla a instalación de novas tubaxes de abastecemento. As tarefas atópanse en fase de licitación ata o 14 de decembro e contan cun prazo de execución de seis meses.

O Plan Único da Deputación achega 320.101 euros do orzamento total do proxecto, sendo os 139.616 restantes cofinanciados polo Concello de Santiago.

Compartir: