MOCIDADE

A Concellería de Mocidade pon en marcha unha campaña para previr a adicción aos xogos de apostas en menores

27/10/2021 Aproveitando a efeméride do 29 de outubro, xornada na que se celebra o Día sen xogos de azar, a Concellería de Mocidade pon en marcha a campaña de sensibilización "Vas picar? Mocidade libre de apostas", que presentaron esta mañá o concelleiro Rubén Prol e o educador social Ramón Molina.

"Os datos amósanse cada vez máis preocupantes en torno á problemática do xogo, chegando a constituír unha práctica de ocio plenamente integrada nun sector da mocidade, o que motiva que dende as diferentes administracións competentes desenvolvamos actuacións para a sensibilización e a prevención da adicción aos xogos de azar por parte da xente nova", indicou o edil.

Este campaña de sensibilización está dirixida á xuventude compostelá, preferentemente aos mozos e mozas menores de idade porque, como indicou Ramón Molina "nesta idade detectamos algunha pauta do xogador problemático, que antecede ao xogador patolóxico".

A iniciativa pretende, dende formatos dixitais e virtuais atractivos, implicar o tecido social e a mocidade na divulgación da mensaxe central da campaña, xerando unha serie de dinámicas empoderadoras dentro da mesma. Para o desenvolvemento da campaña "VAS PICAR? MOCIDADE LIBRE DE APOSTAS" establécense unha serie de actuacións: comunitarias e divulgación en medios sociais.

Actuacións comunitarias
A campaña centrarase no desenvolvemento de dous tipos de accións comunitarias:

- Aproximación ao tecido social e xuvenil de Compostela: 28 entidades culturais, deportivas, educativas e sociais de Compostela adheríronse á campaña e implicaranse directamente na divulgación das mensaxes con carteis personalizados para cada entidade.

- Realización de obradoiros nos centros educativos: un total de 8 institutos e 1.112 alumnos/as van participar destes 48 obradoiros que teñen un dobre obxectivo: sensibilizar a mocidade da importancia de concienciarse sobre a problemática da adicción aos xogos de azar, especialmente na mocidade, e coñecer os factores de risco que poden levar ás persoas a unha adicción ao xogo. Tamén se quere facer partícipe ao propio alumnado na creación de mensaxes para a campaña.

Nos obradoiros participarán os IES Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Xelmírez I e II, Lamas de Abade, Pontepedriña, SAr e o Colexio La Salle.

Divulgación da campaña dende formatos virtuais
A campaña "VAS PICAR? MOCIDADE LIBRE DE APOSTAS" contará cunha web específica, www.eunonpico.gal, e as súas redes sociais (en instagram e facebook). Ao longo de dous meses divulgaranse en diversos formatos (infografías, vídeos, carteis, gif´s.....) as diferentes mensaxes das que consta a campaña, dirixida en especial á mocidade de entre 14 a 18 anos de Compostela.

En total crearanse 68 creatividades diferentes, entre as que figuran as 5 que elaborará o alumnado dende os obradoiros. Despois dos dous meses, secuencialmente irán aparecendo algunhas creatividades de reforzo da mensaxe educativa nas redes da campaña.

ENTIDADES ADHERIDAS
CLUB COMPOSTELA ESGRIMA
CLUB DEPORTIVO XIMNASIA RÍTMICA COMPOSTELA
CLUB BALONMAN RIBADOSAR
CAB OBRADOIRO
IES ROSALÍA
FEDERACIÓN GALLEGA DE KÁRATE Y DA
CONXO TENIS DE MESA
COLEXIO LA SALLE
FEITORÍA VERDE SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA
CLUBE DEPORTIVO FONTIÑAS.SECCIÓN PATINAXE
IES XELMÍREZ II
GARATUXA TEMPO LIBRE
ASOCIACIÓN CULTURAL E XUVENIL ITACA
CENTRO DON BOSCO
CLUB VIRAVOLTA SANTIAGO
FEDESA ROSALÍA
SANTIAGO RUGBY CLUB
IES XELMÍREZ I
CLUB DEPORTIVO LOBOS
CLUB ATLETISMO FONTES DO SAR
IES DE SAR
VICTORIA FÚTBOL CLUB
IES PONTEPEDRIÑA
IGAXÉS ONG
IES EDUARDO PONDAL
ASOCIACIÓN DEPORTIVA DE BALONCESTO FONTIÑAS
IES LAMAS DE ABADE
RACING SAN LORENZO

Compartir: