ACCIÓN CULTURAL

A Gala aRi[t]mar chega mañá ao Auditorio de Galicia

26/10/2021 A gala presentouse este martes no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, e contou coa presenza de Guadi Galego, premio á mellor canción en galego 2020. No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, o concelleiro de Políticas Lingüísticas de Santiago e o subdirector xeral de Cooperación Transfronteiriza da Xunta. A entrega de premios, organizada pola EOI, terá lugar este mércores 27 de outubro, a partir das 20.30h no Auditorio de Galicia. Serán 90' de espectáculo con actuacións en directo, nunha gala presentada por Lupe Blanco e Vicente Mohedano. As entradas para asistir ao evento son de balde previa reserva, e están dispoñibles desde este luns na web de Compostela Cultura.

Nun acto celebrado no pazo de San Roque, de Compostela, sede de Política Lingüistica, o secretario xeral, destacou o labor deste proxecto didáctico cultural da EOI de Santiago, que vai xa pola súa VI edición. Valentín García destacou o protagonismo claramente feminino entre as persoas premiadas e parabenizou a Guadi Galego, que estivo presente como gañadora na categoría de mellor canción 2020 por «Cólico», do seu último traballo Costuras.

Tamén quixo felicitar persoalmente a artista de Cedeira o concelleiro de Políticas Lingüísticas de Compostela, Rubén Prol, que definiu aRimar como unha iniciativa necesaria para unir dous pobos que comparten tantos vínculos. Rubén Prol tivo palabras de noraboa para o resto de premiadas: Rosalía Fdez. Rial, mellor poema en galego e Márcia, en portugués, a cantante Cláucia Pascoal, mellor canción en portugués, e o escritor madeirense Jose Viale Moutinho, gañador nesta edición do premio do xurado á embaixada da amizade galego-lusófona.

Pola súa banda, o subdiretor xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago, asegurou que entre os seus obxectivos están o de cooperar e afondar nos lazos entre Galicia e o Norte de Portugal. «Se hai algunha vía que nos pode unir é todo o relacionado coa música e a poesía», dixo animando a asistir á gala de entrega de premios, que definiu como «distinta á gala de premios ao uso, moito máis entretida».

Desde a organización do certame, o director da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, destacou a alta participación nesta edición, con máis de 5.000 votos emitidos. Gonzalo Constenla explicou que a entrega de premios se desenvolverá este mércores, 27 de outubro, no Auditorio de Galicia a partir das 20:30h. Será nunha gala progatonizada polas persoas premiadas, con actuacións en directo, e presentada por Lupe Blanco e Vicente Mohedano. Terá unha duración de 90' e incluirá vídeos das músicas e poemas galardoados nesta nova edición de aRimar, un certame que cualificou de singular por varios motivos: «é o único de alcance ibérico que premia música e poesía, e faino a través de votación popular para elixir pezas individuais, non traxectorias nin libros completos».

As entradas para asistir de balde a este espectáculo están dispoñibles, baixo reserva, na web de Compostela Cultura. Guadi Galego, que quixo apoiar este proxecto e estar tamén na presentación, asistirá e actuará no espectáculo previsto para mañá. «Eu no meu disco incorporo dúas poetas. É hora de que a música e a poesía compartan palco de xeito normalizado», afirmou a artista de Cedeira que agradeceu o apoio popular e todo o cariño recibido.

Compartir: