ALCALDÍA

Santiago de Compostela será a sede nacional do Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento que impulsan A Moncloa e as institucións europeas

22/10/2021 O Diálogo celebrarase os días 25 e 26 de outubro en Santiago de Compostela e estará aberto a toda a cidadanía que queira participar, rexistrándose previamente nesta web. Participarán, ademais do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; e Diego Canga Fano, conselleiro Principal da DG de Agricultura e Medio Rural da Comisión Europea. Constará de varias mesas de expertos e expertas, reunións de alto nivel e dous talleres nos que a cidadanía será a protagonista co obxectivo de estimular conversacións plurais, informadas e construtivas sobre o futuro. O encontro está organizado pola Moncloa, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Concello de Santiago de Compostela, Afundación (Obra Social ABANCA), o Foro Económico de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela foi elixida para albergar o Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento por ser a capital dunha das comunidades autónomas cunha maior proporción de persoas en idades avanzadas e de poboación centenaria. O Diálogo busca enriquecer o debate público sobre o futuro do envellecemento demográfico do país e ofrecer á cidadanía a posibilidade de participar directamente na conversación sobre como deberiamos afrontar os retos e oportunidades que del se derivan.

O evento celebrarase en Santiago de Compostela no Auditorio ABANCA (c/Preguntoiro, 23), os días 25 e 26 de outubro, e estará aberto a todos os cidadáns que queiran participar de forma presencial ou virtual. Entre os relatores figuran a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; a representante do Gabinete da vicepresidenta da Comisión Europea Dubravka Šuica (Democracia e Demografía), Astrid Dentler; así como altos cargos dos goberno central e autonómicos, e numerosos expertos e académicos. Tamén intervirán o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.

Ademais das mesas de debate, haberá dous talleres cidadáns deseñados para escoitar as ideas da poboación, tomar nota delas e incorporalas aos diferentes documentos e estratexias de futuro. No primeiro deles conversarase sobre como nos expomos á vellez (25 de outubro, 17 horas), mentres que o segundo reflexionará sobre que necesitariamos que nos ofrecese o noso pobo ou cidade para envellecer ben (26 de outubro, ás 11.00 horas).

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, destacou o privilexio que supón para a cidade galega acoller este evento de primeiro nivel e convidou a cidadanía e colectivos a participar: "estes Diálogos sobre o futuro como o que vai acoller Santiago son fundamentais e máis nunha sociedade como a galega, na que o 25% da poboación supera os 65 anos". Por iso, sinalou, "é vital afrontar este reto con absoluta urxencia e será de gran valor contar con opinións expertas, con valoracións desde o ámbito académico e a participación da cidadanía".

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, celebrou a iniciativa e destacou a importancia que ten reflexionar sobre o envellecemento poboacional tanto para a rexión como para o conxunto de España. Lembrou, tamén, que un dos principais retos do noso país é fomentar a cohesión interxeracional, apoiando as persoas maiores para que poidan seguir levando a cabo os seus propios proxectos de vida despois da xubilación. Con ese fin, Feijóo recalcou que as Administracións deben coordinarse para seguir mellorando o catálogo de servizos e axudas destinadas ao envellecemento activo.

Pola súa banda, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, remarcou que "alcanzar o coñecemento e a comprensión do noso mundo a través daqueles que xa transitaron gran parte da súa vida, que reflexionaron e experimentaron, é unha garantía para sincronizar o futuro".

Diálogos sobre o Futuro
Os Diálogos sobre o Futuro son unha iniciativa do Goberno, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e outras 70 institucións públicas (concellos, gobernos autonómicos, fundacións e universidades) que quere contribuír a impulsar conversas plurais, informadas e construtivas sobre as oportunidades e desafíos que traerá o mundo pos-COVID.

Os Diálogos terán lugar entre setembro e decembro do presente ano nas 17 Comunidades Autónomas. Incluirán 100 mesas de debate, 37 talleres cidadáns e reunións de alto nivel nas que participarán máis de 500 relatores, entre os que estarán o presidente e as vicepresidentas do Goberno, presidentes e conselleiros autonómicos, ministros, secretarios de estado, altos cargos e expertos da Comisión Europea e do Parlamento europeo, alcaldes, CEOs, emprendedores, académicos, xornalistas e líderes do terceiro sector e a sociedade civil.

Compartir: