MERCADOS

O Recinto Feiral de Amio acolle de xoves a domingo a oitava edición do Salón do Vehículo de Ocasión

19/10/2021 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e o responsable da organización do evento, Fabián Saavedra, presentaron en rolda de prensa a oitava edición do Salón do Vehículo de Ocasión en Santiago de Compostela, que se celebra no Recinto Feiral de Amio do xoves 21 ao domingo 24 de outubro. Acompañounos a responsable do recinto, Mónica Cañoto.

O evento, que abre as súas portas este xoves ás 10:00 horas, contará coa presenza de máis de 20 concesionarios e compravendas, cun stock de máis de 700 vehículos, a prezos rebaixados, exhibidos en 16.000 metros cadrados de exposición.

O concelleiro amosou a súa satisfacción pola recuperación da actividade nos espazos municipais, xa que significa "que vemos a luz ao final do túnel". Así mesmo amosouse moi satisfeito pola confianza depositada na cidade pola entidade organizadora, Dolecer Eventos.
O seu responsable, Fabián Saavedra, agradeceu a colaboración do Concello un ano máis e salientou a ampla oferta de vehículos que se poderán atopar no evento: "km0, seminovos, e de segunda man.

Todos con garantía e totalmente revisados. Tamén dispoñemos dunha gran cantidade de vehículos de gama ECO, eléctricos, híbridos e híbridos enchufables". Engadiu que "a variedade no Salón VO tanto de modelos como de prezos siempre é xigante. Teremos vehículos desde os 5.000€ ata os 70.000€, tanto compactos, berlinas como os tan demandados sub".

A feira dispón dun plan de seguridade e prevención exhaustivo fronte á covid e permanecerá aberta nas catro xornadas de forma ininterrompida entre as 10.00 e as 20.00 horas.

Compartir: