COMERCIO

Chamamento para que os propietarios de pezas de prata e acibeche "singulares" as cedan para unha exposición que tería lugar o próximo verán

07/10/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu á xuntanza da "Comisión para o desenvolvemento do Plan Estratéxico Ourives de Compostela"; na que o concello de Santiago e a Deputación da Coruña amosaron o seu compromiso coa exposición sobre a pratería e a acibechería en Santiago, prevista para os meses de xuño, xullo e agosto de 2022.

O proxecto, denominado en principio, "A pratería e a acibechería en Santiago: historia dunha arte milenaria", exporíase en dous espazos cedidos pola USC, a igrexa da Universidade e o Colexio de Fonseca. Xa está en marcha todo o proceso de produción e de catalogación da mostra. Estaría comisariada por Ana Pérez Varela, e por Fernando Martínez Vilanova, quen fai un chamamento para que todas as persoas propietarias de pezas de pratería e acibecharía singulares, as cedan para esta "gran e emblemática exposición". As persoas interesadas poden porse en contacto coa Asociación de Artesáns e Comerciantes, Ourives de Compostela.

Sánchez Bugallo destacou a colaboración que o concello de Santiago ven mantendo, en distintos proxectos, con "Ourives de Compostela". O rexedor compostelá cualificou a exposición de "moi interesante" porque "se vai desenvolver nun periodo de tempo dilatado nun marco e nun escenario extraordinario, como son Fonseca e a igrexa da Universidade, a través da colaboración entre catro institucións", que son a USC, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello. "Cremos", continuou, "que vai contribuir a difundir o valor dos ourives de Compostela e animar á mocidade a adicarse a esta profesión".

Blas García, deputado provincial e alcalde de Ames, que tamén asistiu á reunión, coincidiu ao definir o proxecto como "moi interesante" e engadiu que por parte da Deputación da Coruña "hai toda a vontade para colaborar nesta exposición, igual que facemos con outras mostras de artesanía, como pode ser Camariñas ou Buño".

A exposición ten dous obxectivos: a reflexión científica sobre a arte da pratería e a acibechería compostelás desde un punto de vista historiográfico; e a súa posta en valor, xa que Santiago contou cun dos mellores centros na historia da pratería peninsular, e tamén foi centro de referencia do traballo do acibeche a nivel mundial.

Ademáis de Sánchez Bugallo e Blas García, na reunión tamén estaban presentes a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; os comisarios da mostra Fernando Martínez, e Ana Pérez Varela (vía telématica), así como unha representación da Xunta de Galicia, da USC, e da Asociación de Artesáns e Comerciantes, Ourives de Compostela.

Compartir: