EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música acolle mañá unha conferencia e un concerto de violonchelo a cargo de Guillermo Turina

05/10/2021 A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela organizou para mañá, mércores 6 de outubro, unha conferencia e un concerto destinado ao seu alumnado a cargo do violonchelista Guillermo Turina. A cita será ás 19.00 h no auditorio da Escola.

Guillermo Turina ofrecerá ao alumnado unha viaxe ao pasado para coñecer as orixes do violonchelo en España e rematará a velada cun concerto.

O violonchelo consolidouse en España como un instrumento fundamental para o desenvolvemento da música e das formacións xurdidas no país ao longo do século XVIII. E non só o instrumento en si, tamén a súa nomenclatura foi fixada co termo actualmente recollido polo dicionario da Real Academia da Lingua Española.
Doutra banda, a importancia e a influencia italiana nos músicos da España do XVIII queda patente a través de todo o século no que se podería considerar unha estirpe de violonchelistas que traballaron nas diferentes cortes desde principios de século: Francesco Supriani en Barcelona; e Giacomo Facco, Domenico Porreti, Luigi Boccherini e Francisco Brunetti en Madrid, cobren a totalidade dos cen anos, solapando as súas carreiras e describindo a evolución da música a través das súas obras. A actividade profesional destes cinco artistas marcou os pasos do desenvolvemento musical en España ao longo do século.

A chegada de autores italianos como Supriani ou Facco provocou o desembarco dun novo estilo moito máis evolucionado que fixo cambiar tamén a organoloxía das formacións instrumentais.

Guillermo Turina
Nacido no ano 1986, o músico madrileño Guillermo Turina comezou os seus estudos de violonchelo á temperá idade de 3 anos. Diplomouse no conservatorio superior de Zaragoza e posteriormente obtivo a titulación de grao superior en interpretación histórica no conservatorio de Barcelona. En outubro de 2019 graduouse co título de doutor en musicoloxía coa cualificación cum laude coa súa tese doutoral "El violonchelo en España en el siglo XVIII", na Universidade Autónoma de Barcelona.

Como solista e como membro de grupos como La Tempestad, Al Ayre Español, Paper kite e Nereydas participou nalgúns dos festivais máis importantes no ámbito nacional e internacional. En xullo de 2019 proclamouse vencedor do VIII Concurso de Música Antiga de Xixón formando dúo xunto á clavecinista Eva del Campo.

No ano 2020 Guillermo Turina publicou co selo holandés Cobra Records o disco Les Fréres Duport. The Paris Sonatas, xunto ao audista Manuel Minguillón.

Compartir: