DEPORTES

Entrada libre para o V Memorial Antonio Bermúdez ata 1.000 persoas

26/07/2021 A SD Compostela e o Club Deportivo Lugo disputarán este mércores 28 de xullo, ás 19.00 horas, o V Memorial Antonio Bermúdez no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. A quinta edición do trofeo que se realiza en memoria do gran xornalista santiagués, organizado dentro das Festas do Apóstolo, terá o acceso libre ata un máximo de 1.000 espectadores.

Neste sentido, para axilizar o acceso ás bancadas, recoméndase asistir cunha hora de antelación e traer a Declaración Responsable Covid-19 cuberta da casa, xa que na porta haberá que rexistrar os datos persoais.

A presentación da cita tivo lugar esta mañá na sala de prensa do Concello de Santiago, coa presenza de Esther Pedrosa, concelleira de Deportes e Benestar Animal; Antonio Quinteiro, presidente do club, e Toño Bermúdez, fillo do homenaxeado e locutor da Cadena Ser.

"Despois de non poder celebralo o ano pasado pola covid-19, este 2021 temos a posibilidade de lembrar de novo a figura de Antonio Bermúdez, gran amigo do Compostela e tan importante no mundo da comunicación deportiva compostelá", sinalou o dirixente branquiazul.
Ademais, o presidente da SD Compostela quixo agradecer ao Concello, "que patrocine o Memorial na súa quinta edición e que o incorporase ás actividades das Festas", así como á familia Bermúdez, "para que poidamos lembrar a Antonio, quen foi tan importante para o club".

Así mesmo, solicitou a todos os composteláns, en xeral, e aos afeccionados do Compos, en particular, que asistan a esta cariñosa homenaxe para que se poidan chegar a esas 1.000 persoas de máximo. "Creo que será un partido moi bonito, no que arrincará o novo proxecto para Segunda B e, ademais, estaremos acompañados do Lugo, un conxunto que leva tantos anos en Segunda e que representa ao fútbol galego. Creo que será un partido moi atractivo para o afeccionado", destacou Antonio Quinteiro.

Pola súa banda, Toño Bermúdez agradeceu á SD Compostela e ao Concello a organización desta quinta edición, así como ao Club Deportivo Lugo por aceptar a invitación. "O meu pai, alá onde estea, estará moi contento de que o Compos lle renda esta homenaxe. Oxalá sexan ata 1.000 espectadores para ver a este novo Compos, que nos ilusiona a todos. Oxalá sexa un primeiro esbozo dunha gran tempada e que sexa unha festa do fútbol", indicou.

Por último, a concelleira, ademais de lembrar o agarimo que lle tiña a Antonio, así como o seu gran traballo polo deporte da cidade, desexoulle a maior das sortes ao club para a próxima campaña. "Deséxolle moita sorte ao Compostela nesta nova andaina, o Concello apoiará o club en todo momento e comunico tamén que arranxaremos as torres de iluminación do Estadio no menor tempo posible", concluíu Esther Pedrosa.

Compartir: