SERVIZOS SOCIAIS

O Concello asina convenios de colaboración con catro entidades sociais por máis de 170.000 euros

26/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, formalizou a sinatura dos convenios de colaboración coas entidades Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home (45.000 euros), Albergue Xoán XXIII (60.000 euros), Aspas (6.000 euros) e a Cociña Económica (60.000) por un total de 171.000 euros.

Sánchez Bugallo puxo en valor o traballo destas entidades sociais que "chegan a onde non dá chegado a administración" e agradeceulles a súa implicación, en especial nestas datas tan duras.

Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home
O convenio entre o concello de Santiago e a Fundación Monte do Gozo para 2021 conta cun importe de 45.000 euros que se destinarán a subvencionar programas da entidade. A Fundacion Monte do Gozo ten por obxectivo a atención integral aos colectivos marxinados ou en estado de necesidade e aqueles en situación de exclusión social; así como a prevención, formación, educación, rehabilitación e reinserción, apoio e intermediación no ámbito penitenciario, xurídico e xudicial ás persoas con problemas de adicción, ás súas familias e aos colectivos de risco.

Centro cultural social Xoán XXIII
O convenio financia o servizo de aloxamento e acollida nocturna e diúrna, atendendo ás necesidades básicas en cada caso concreto, que presta o albergue de Xoán XXIII.

Búscase prestar a atención que precisan as persoas usuarias en canto a aloxamento, hixiene, roupeiro, alimentación, formación, información e asesoramento, derivación e atencións no ámbito laboral, xurídico, sanitario, etc. Lévase tamén a cabo atención ás familias coa distribución de alimentos procedentes do Banco de Alimentos e con packs de emerxencia xerados con produtos derivados doutras doazóns e que, baixo entrevista previa e recollida de documentación da persoa solicitante, se facilitan unha vez ao mes.

O programa procura promover á persoa para a colocación no mundo laboral, incidindo na formación para mellorar as súas opcións de atopar un traballo.

Aspas
O convenio de colaboración para o ano 2021 entre o Concello de Santiago e a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, ASPAS, ten unha contía de 6.000 euros que se destinarán ao "Programa de respiro e/ou emerxencia familiar". Trátase dun servizo de estancias temporais - respiro familiar de fins de semana e períodos vacacionais que dá resposta á necesidade de descanso ou emerxencia familiar, mellorando así a calidade de vida das familias con membros con discapacidade intelectual ao poder ofrecerlles uns días de descanso mentres o seu familiar é atendido por profesionais da entidade. ASPAS dispón de dous pisos cedidos polo Concello de Santiago, nos que se desenvolve este servizo, nos que cada fin de semana se celebran actividades encamiñadas ao fomento da vida autónoma e do coidado persoal, colaborando en todas as tarefas, aseo, limpeza, compra, planificación das actividades de ocio e outras.

Cociña Económica
No que respecta á Cociña Económica, a contía da subvención destinarase a financiar o programa para garantir as necesidades de manutención básicas a persoas sen recursos e en risco de exclusión social. As persoas destinatarias son, principalmente, veciños e veciñas de Santiago de Compostela, aínda que tamén transeúntes que ocasionalmente veñan á cidade. As idades van dende os 18 anos en diante, aínda que a Cociña tamén facilita bolsas de comida e produtos infantís as nais e pais que o precisen.

Compartir: