TURISMO

TIME escolle a Santiago entre os 100 mellores lugares do mundo para visitar no 2021

21/07/2021 Santiago de Compostela é un dos destinos turísticos incluídos na The World´s Greatest Places of 2021, unha selección dos 100 lugares máis destacados de todo o mundo para visitar e explorar neste ano elaborada por TIME, unha das publicacións máis lidas e prestixiosas do mundo.

Na súa reportaxe, TIME destaca que este ano é a ocasión perfecta para visitar Santiago de Compostela, xa que celebra o seu Ano Santo. Ademais, apunta tamén que a Catedral está recén rehabilitada e por primeira vez en oito anos pode verse a súa ornamentada fachada barroca.

Este ano, a lista dos mellores lugares do mundo para visitar de TIME é un tributo á xente e os negocios á fronte do sector turístico que, en circunstancias extraordinarias, atopou camiños para adaptarse, construír e innovar, segundo explica no texto a propia revista.

Para elaborar a lista, TIME solicitou nominacións de lugares (que podían incluír países, rexións, cidades e vilas) a súa rede internacional de correspondentes e colaboradores, prestando especial atención a aqueles que ofrecesen novas e excitantes experiencias.

Neste sentido, esta selección de Santiago entre os 100 lugares máis destacados do mundo é un recoñecemento internacional ao esforzo e traballo que todo o sector turístico da cidade fixo dende o comezo da pandemia no primeiro trimestre do ano pasado.

En concreto, dende Turismo de Santiago, elaborouse un Plan de Reactivación Turística co obxectivo de sentar as estratexias básicas de traballo para revitalizar o sector turístico da cidade en canto comezasen a levantarse as restricións á mobilidade.

O Plan de Reactivación Turística, que se aprobou a finais de abril do ano pasado, elaborouse en pleno confinamento do primeiro Estado de Alarma. A Organización Mundial do Turismo, organismo das Nacións Unidas encargado da promoción dun turismo responsable e sostible e accesible, escolleu o Plan de Reactivación Turística de Santiago como exemplo mundial de boas prácticas para a recuperación do turismo.

Compartir: