FESTAS

Cantigas e Agarimos dá o pistoletazo de saída ás Festas do Apóstolo 2021 cun pregón cargado de historia e lembranzas

20/07/2021 A Asociación Folclórica Cantigas e Agarimos foi a encargada de dar o pistoletazo de saída ás Festa do Apóstolo de 2021 cun sentido pregón no que repasaron os seus cen anos de historia.

O presidente da Asociación, Manuel Rey, arrancou o pregón facendo un percorrido pola historia de Cantigas e Agarimos, vinculada prácticamente desde os inicios ás Festas do Apóstolo.

"Así comezaría a súa andaina unha agrupación que, ao longo destes 100 anos, se convertiría nun referente da música e do baile tradicional de Galiza e en peza indispensable da sociedade e da cultura compostelá. Con Cantigas e Agarimos, os nomes de Santiago e de Compostela recorrerían a maioría das provincias do Estado español e gran parte das cidades e vilas do noso país irmán, Portugal. No ano 1973, mesmo cruzarían o Atlántico para participar nas Xornadas de Cultura Galega organizadas polo Centro Galego de Bos Aires e, en 1977, acudirían por primeira vez ao Festival de Lorient, onde lle foi concedida a medalla de prata da cidade", lembrou.

Outro membro do grupo, Antón Fernández, recordou tamén ao grupo de teatro e aos diversos coros cos que contou a asociación ao longo dos seus cen anos de vida. E, como non podía ser doutra forma, ao grupo de baile, que se remataría convertindo na alma da entidade, ou a sección de pandeireta.

Non podía faltar a referencia á Escola, nada en 1982, pola que pasaron centos de composteláns e compostelás. "Cremos que a escola de Cantigas é un dos maiores logros da agrupación. O noso traballo ven sendo dende sempre a recuperación e posta en valor da cultura tradicional galega, e a nosa responsabilidade mais grande é transmitila a pequenos e maiores a través das aulas que impartimos", incidiu o presidente.

"Con este historial queda claro que, á parte de participar activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia, na nosa historia sempre estivemos vencellados á cidade de Santiago e ás súas festas. Calquera que nos coñeza sabe que a festa forma parte da nosa forma de vida. Polo que para nós, poder saudarvos a todos no comezo deste Apóstolo 2021, 100 anos despois de botar andar como entidade, non é un acto trivial, e supón a fachenda de todos e todas nós, como composteláns de nacemento ou de adopción", finalizou antes de dar paso aos fogos de artifcio.

Tralo pregón as actrices Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro deleitaron o público cos seus monólogos "Sen restricións", acompañas dos pregoeiros.

Arrancan así preto de dúas semanas de concertos, monólogos, cine ao aire libre, circo, deporte, espectáculos para os máis pequenos e os xa clásicos cabezudos, Xornadas de folclore, tamén coa participación de Cantigas e Agarimos, torneo da chave, etc.

No que respecta aos concertos, aos escenarios habituais da Quintana e o Obradoiro súmanse o parque de Galeras, a praza de Mazarelos e o Palco de Música da Alameda, co obxectivo de recuperar a función inicial deste singular espazo. Por estes escenarios, con aforos reducidos por mor da pandemia, pasarán Iván Ferreiro, Luz Casal e a Real Filharmonía, Marlon, A Banda Municipal de Música, Ladilla Rusa ou Terbutalina, entre moitos outros.

Información sobre retirada de convites
Todas as actividades son de balde, agás o concerto do día 21 de xullo (Luz Casal & RFG) e os convites poderán retirase en apostolo2021.ataquilla.com (desde o día 12 de xullo para os espectáculos dos días 20 ao 25 de xullo e desde o día 16 de xullo para os espectáculos dos días 26 ao 31 de xullo). Reservarase unha portecentaxe (sobre o 25%) para a súa recollida no despacho de billetes do Teatro Principal do 12 ao 31 de xullo en horario de 17 h a 21 h. Os convites para "Cinema no parque" retíranse en cinemanoparque.gal a partir do 12 de xullo de 2021. Os convites para os concertos da BMMS do xoves 29 e sábado 31 de xullo, retíranse unicamente na billeteira do Teatro Principal.

Cada persoa poderá retirar dous convites, excepto para as actividades infantís da alameda e cinema no parque, que serán tres.

Para todas as actividades é preciso acudir cunha antelación de 30 minutos e é obrigatorio o uso de máscara.

Compartir: