ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o libro "Espazos de Rosalía en Compostela", que documenta con texto e fotos os recunchos da cidade vinculados á escritora

18/02/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o libro "Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro", acompañada da autora do texto, Mercedes Espiño. A publicación, da que se editarán mil exemplares, ve a luz grazas á colaboración entre o Concello e a Agrupación Cultural O Galo. Preséntase en febreiro, o mes de Rosalía, co obxectivo de coñecer, difundir e visibilizar a relación que a poeta mantivo coa cidade.

O libro, segundo explicou Mercedes Rosón, é un "minucioso traballo de investigación" de 190 páxinas, que nos descobre "eses recunchos de Santiago" polos que transitou a nosa poeta máis universal, acompañado de documentación, fotos e textos da propia escritora e de persoas vinculadas a ela. Subliña a concelleira que Compostela e Rosalía de Castro cohabitan, creando un vínculo persoal e profesional, "unha simbiose na que Santiago sae gañando. Rosalía apórtanos unha proxección literaria que canto máis tempo pasa, máis universal é".

Para Mercedes Espiño, Santiago é o principal escenario na vida de Rosalía de Castro, que aclara, "nunca tivo casa de seu", sempre viviu en vivendas de aluguer, incluída a casa da Matanza. Durante a presentación, reivindicou "unha Rosalía relacionada con Compostela" e propuxo que nas oficinas de Turismo se repartise un roteiro "rosaliano" a turistas e visitantes. Unha proposta aceptada e recollida pola responsable de Acción Cultural.

Estrutura
O libro comeza cunha fotografía icónica en portada: o monumento a Rosalía de Castro visto desde a escaleira de Santa Susana, coa mesma perspectiva que o está observando a estatua de Federico García Lorca. Despois da presentación da Agrupación Cultural O Galo, e do limiar de Francisco Rodríguez, introdúcenos nun itineario pola cidade de 22 lugares estreitamente vinculados a Rosalía de Castro, sinalados nun mapa desplegable nas páxinas interiores e documentados con textos e fotos máis adiante, a partir da páxina 33. Estes lugares son e excusa para ir relatando, dun xeito obxectivo, o que foi a vida da poeta en Compostela.

A continuación, o apartado "Rosalía… cando e onde", entre as páxinas 23 e 33, no que enumera os lugares nos que se sitúa, documentalmente, a Rosalía de Castro entre 1837 e 1885. O libro remata cunha serie de retratos da escritora, na que se inclúe a última foto da mesma, na casa da Matanza, xunto á súa familia; e coas árbores xenealóxicas da familia de Rosalía e de Manuel Murguía.

Mercedes Espiño
Mercedes Espiño, autora do libro, naceu en Pontevedra en 1956. É licenciada pola USC en Filoloxía Galego-Portuguesa. Profesora de Lingua e Literatura Galega desde 1980, exerceu no instituto Ramón Cabanillas de Cambados, no instituto mixto de Ribeira e no IES Eduardo Pondal de Compostela, onde se xubilou como catedrática no ano 2016.

Como activista da lingua, publicou diversos artigos e libros. Interesada na literatura e cultural nacional de Galicia, ten formulado e dirixido roteiros ou paseos literarios por diferentes Compostelas, entre outras, a de Rosalía de Castro, a das Irmandades da Fala ou a de Francisco Asorey.

Compartir: