CENTROS SOCIOCULTURAIS

Últimos días para inscribirse nas actividades do Entroido 2021 da Rede de CSC e no concurso fotográfico "O disfrace invisible"

12/02/2021 O 16 de febreiro péchase o prazo para inscribirse no "Concurso de disfraces en Rede" posto en marcha pola concellaría de Centros Socioculturais; e tamén ao concurso fotográfico "O disfrace invisible", no que colabora o Concello a través dos departamentos de Acción Cultural e de Festas.

A concellaría de Centros Socioculturais deseñou unha interesente programación en liña, co obxectivo de que as familias poidan desfrutar, ata o 17 de febreiro, do "Entroido na casa", cun concurso de disfraces, unha comparsa virtual, e con xogos e espectáculos a través das redes sociais. A temática proposta é "Asalto ao 2021" co que simbolicamente se lle quere facer fronte a este ano, como bandido, e usando como arma a vacina para a Covid19.

Todas estas actividades subiránse ao Facebook Centros Socioculturais Santiago de Compostela, así como aos distintos facebooks dos centros socioculturais; ao twitter @CSocioCulturais; á Instagram cssocioculturaiscompostela; e á conta de YouTube Rede Centros Socioculturais Compostela. Resultará gañador do concurso de disfraces aquela imaxe que máis "me gusta" ou "me encanta" reciba.

Concurso de disfraces na rede
Ata o 16 de febreiro está aberto o prazo de inscrición no concurso "Disfraces na rede". A temática do disfrace será libre. Establécense dúas categorías: mellor disfrace familiar e mellor disfrace infantil.

As persoas participantes deberán cubrir a ficha de inscrición e autorización (que adxuntamos ao final desta noticia) e enviala, xunto coas súas fotos disfrazados, aos diferentes correos dos centros socioculturais (que se atopan na ficha de inscrición na información xeral da actividade).

As imaxes recibidas etiquetaranse na páxina de Facebook da rede de Centros Socioculturais cos cancelos #Entroidonacasa ou #NoEntroidoPretodeTI. Elixirase como mellor disfrace o da fotografía que leve máis "me gusta" ou "me encanta". A data límite para votar é o 17 de febreiro.

Comparsa virtual
O prazo para inscribise na Comparsa virtual ampliouse ata o 12 de febreiro. Este ano o disfrace escollido é o de "bandidos" e o lema "Asalto ao 2021". Para a elaboración do disfrace realizaranse uns titoriais con pautas para facelo dende casa. Os elementos comúns poderanse completar, a maiores, con outros detalles individuais.

As persoas interesadas en participar deberán enviar a foto ou vídeo co disfrace de "bandido", xunto á inscrición e autorización (que se pode descargar ao final desta noticia) aos diferentes correos dos centros socioculturais.

Con todas as fotos e gravacions recibidas montarase un vídeo, simulando a participación na tradicional comparsa de entroido, que se subirá no Facebook e no Youtube da rede de Centros Socioculturais o martes de entroido.

O Meco (na casa) manda
As ordes do Meco, no entroido, son sagradas. Para non perder a tradición, cada día haberá unha orde distinta. Unha diversión engadida a este carnaval atípico, na que tanto a cativada, como as persoas maiores, poden desfrutala en privado ou compartila mandando unha foto a algún dos correos dos centros socioculturais. As ordes, para os días de entroido que quedan son:

Sábado 13. Algo de cor vermella elixirás.

Luns 15. Algo cor verde levarás.

Martes 16. de bandido/a irás.

Mércores 17. De negro da cabeza ata os pes irás.

Saaabor!
Mañá sábado, 13 de febreiro, ás 18:00 h., terá lugar no Centro Sociocultural de Santa Marta un avance do espectáculo Saaabor! Os actores Fran Rei e Félix Rodríguez, dirixidos por Avelino González, presentan este espectáculo cómico no que recoñecidos chefs nos ofrecen pratos para todos os gustos. Nesta ocasión, unha tortilla francesa cociñada en dous minutos. Unha actividade que recorda que, a pesar das restriccións anticovid, a cultura segue moi viva e presente nos centros socioculturais de Santiago de Compostela. O avance da obra, destinada ao público familiar, poderá verse a través da canle de youtube da rede de CSC.

Ademais, os Centros Socioculturais de Vite, Santa Marta, Castiñeiriño, Romaño, Ensanche e Cornes, contan con espazos decorados coa temática do Entroido.

Desde o cartel do "Entroido 2021" pódese acceder a un código QR que permite descargar o formulario de inscrición nas actividades que o requiran. Tamén se pode obter máis información no Facebook @SantiagoSocioCultural ou no twitter @CSocioCulturais. Os cancelos empregados son #Entroidonacasa e #NoEntroidoPretodeTi.

O disfrace invisible
A estas actividades para celebrar o "Entroido 2021", súmanse ao concurso "O disfrace invisible", organizado polo Museo de Maxia Kiko Pastur, en colaboración con Mery Pais, a Asociación Cidade Vella e o Concello de Santiago, a través das concellarías de Acción Cultural e de Festas. Consiste en disfrazarse para camuflarse ou "desaparecer" da imaxe, en lugares recoñecibles de Compostela.

Concederánse tres premios de 1.000 euros, 500, e 300 euros; e dous áccesits de 100 euros para a fotografía máis divertida e máxica, así como para formar parte do álbum que o concello exhibirá coas propostas máis brillantes emáis enxeñosas que se reciban. As fotos deben presentarse, unicamente, en formato dixital, e non poden ser alteradas nen manipuladas.

Cada concursante poderá presentar o número de obras fotográficas que queira, aínda que só poderá optar a un premio no caso de que presente varias. As obras fotográficas enviaranse, ata o 16 de febreiro incluido, ao correo electrónico odisfraceinvisible@gmail.com, nos formatos standard JPEG, TIFF, BMP, PNG ou RAW; ou a través da web https://odisfraceinvisible.com/

Documentos relacionados



Compartir: