CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio aproba a elaboración dunha guía gastroturística

12/02/2021 A Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade reuniuse hoxe de forma telemática baixo a presidencia do alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, para impulsar novas iniciativas de promoción turística a partir do mes de maio. Tamén participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, trala incorporación de Santiago á executiva.

Entre os asuntos abordados, o presidente do grupo destacou "tres iniciativas que van ser moi importantes e referentes para o conxunto das 15 cidades. A primeira é a elaboración dunha guía gastroturística na que imos dar a coñecer non só as excelencias dos nosos pratos actuais, senón tamén de onde provén toda a gastronomía nas distintas cidades. Ademais, tamén imos renovar o compromiso de editar novas películas promocionais do Grupo para seguir dando a coñecer o noso legado cultural e patrimonial", explicou Rodríguez Osuna.

Coa participación dos alcaldes de Eivissa/Ibiza; Rafael Ruiz; San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray; e Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a Comisión Executiva tamén aprobou "trasladar o noso apoio explícito para a firma no futuro dun convenio coa Asociación de Empresas de danza de España e o INAEM para apoiar a creación dunha nova Plataforma de Danza nas Cidades Patrimonio que sexa un revulsivo máis e un apoio a unha arte escénica que desde o Grupo estamos decididos a promocionar en todos os nosos eventos", segundo explicou o presidente.

O gran fito cultural do ano será a celebración da cuarta edición de "A Noite do Patrimonio, La Nit del Patrimoni, La Noche del Patrimonio". A Comisión Executiva aprobou que o gran evento referente da cultura segura se celebre o sábado 18 de setembro de 2021, día no que as 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO se unirán nunha festa colectiva que xuntará a danza, a apertura de monumentos abertos en horarios extraordinarios e actividades culturais nas súas rúas.

A Comisión Executiva tamén revisou aspectos relativos á xestión económica do Grupo de cara a lanzar unha potente campaña de publicidade que se porá en marcha no momento en que o permita a pandemia, segundo lembrou o presidente: "Imos desenvolver campañas de promoción turística a partir dos meses de maio e xuño e imos dedicar todos os nosos esforzos a tentar que, unha vez que pase o peor da pandemia, esteamos preparados con iniciativas e con capacidade de ofertar o mellor das nosas cidades ao turismo nacional e internacional".

A campaña de promoción no mercado nacional en 2021 incluirá un acto no marco de FITUR e outra presentación en Sevilla. Ademais, tras a viaxe a París e o encontro coa alcaldesa Anne Hidalgo, o Grupo ten está previsto un acto de promoción das 15 Cidades do Grupo na capital de Francia no mes de maio.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio cultural e a promoción turística das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: