XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a presentación da candidatura de Santiago á convocatoria de renovación da Distinción Cidade da Ciencia e a Innovación

11/02/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extraordinaria, aprobou a presentación da candidatura do Concello de Santiago de Compostela á convocatoria de renovación da Distinción Cidade da Ciencia e a Innovación aprobada na Resolución da Secretaría Xeral de Innovación de 26 de novembro de 2020.

O Ministerio de Ciencia e Innovación creou no ano 2010 (ORDE CIN/2502/2010, de 17 de setembro) a distinción "Cidade da Ciencia e a Innovación", que se outorga a aquelas cidades que se distinguiron no apoio á innovación nos seus territorios, definindo políticas, potenciando estruturas, institucións e empresas locais cun forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador. A distinción recoñece o importante papel das entidades locais na promoción dos seus territorios como elemento crucial que determina o desenvolvemento económico e social.

As cidades distinguidas con este galardón forman parte da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación e da Asociación Red Innpulso (ARINN); un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras onde se comparten experiencias e proxectos. A través desta rede poténciase a colaboración entre concellos, compartindo boas prácticas na xestión e iniciativas de comunicación destes proxectos aos cidadáns.

Actualmente é un axente cada vez máis activo de promoción de políticas novidosas, como a compra pública de innovación, o apoio ás pemes e aos emprendedores, a definición de criterios de innovación, e que promove e apoia a participación en proxectos no contexto dos Programas Europeos.

A cidade de Santiago de Compostela recibiu esta importante distinción en 2014, cando tamén pasou a formar parte tamén da Red Innpulso. O art.9 da citada Orde establece que "a distinción Cidade da Ciencia e a Innovación terá un período de concesión inicial de tres anos, podendo renovarse a mesma mediante resolución da Secretaría Xeral de Innovación, cando o concello distinguido manteña o cumprimento das condicións e requisitos que deron lugar á súa concesión".

Ao cumprirse tres anos desde a concesión da distinción ou a súa renovación, o Ministerio de Ciencia e Innovación convocou, a través dunha Resolución da Secretaría Xeral de Innovación, de 26 de novembro de 2020, a renovación da distinción de Cidade da Ciencia e a Innovación, e establecéronse os criterios que se aplicarán para manter a permanencia na Red.

Segundo se recolle nesta Orde, o Concello de Santiago pode solicitar a renovación presentando a correspondente solicitude, aprobada agora, á que se lle achega a documentación adicional solicitada:

- Unha memoria descritiva da candidatura, na que se exporán as actividades que avalen ou amosen a política de apoio á innovación realizada desde a concesión ou renovación da distinción ata a actualidade, a análise do cumprimento e vixencia, se procede, dos programas que deron lugar á concesión ou renovación da distinción, a participación por parte do Concello nas actividades e reunións da Red Innpulso. Así como os plans e actuacións en materia de innovación, previstas para o período 2020-2022.

- Certificado do acordo adoptado polo órgano municipal competente de solicitar a renovación da distinción.

A presentación da candidatura non ten efectos económicos para o concello de Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: