MEDIO AMBIENTE

Asinado o convenio para a execución e explotación da nova EDAR de Santiago, que se prevé que estea operativa en 2026

05/02/2021 De forma telemática asinouse esta mañá o convenio para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta entre o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xeral de Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), Rosa Cobo; e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Tamén estivo presente no acto o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.

Todos os asistentes manifestaron a súa satisfacción pola sinatura dun convenio que permitirá, despois de anos de retraso, a construción dunha infraestrutura vital para a cidade e sinalaron a importancia neste proceso da colaboración interadministrativa.

Xosé Sánchez Bugallo fixo fincapé na responsabilidade das administracións cos veciños de Santiago e cos da contorna, todos eles afectados pola necesidade de depuración e congratulouse de que, por fin, este proxecto poida ir dando pasos cara adiante. "Entre todos fomos capaces de solventalo", incidiu. No mesmo sentido se manifestaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, que reafirmaron o compromiso das súas respectivas administracións con esta infraestrutura.

O convenio recolle a financiación da nova EDAR da Silvouta, que chega aos 56 millóns de euros. Destes, o 65% (36.582.000 euros), financiaranse con cargo ao Fondo Europeo de Reconstrución; o 19 % (10.826.000 euros) será achegado pola Xunta a través de Augas de Galicia; e os restantes (8.572.000 euros máis IVE) correrán a cargo do Concello de Santiago, que os fará efectivos a través dun préstamo formalizado por Acuaes e repercutido ao Concello nun prazo de 25 anos.

"Creo que é un moi bo acordo no escenario no que estamos", indicou o rexedor, que lembrou que, tras perder os fondos FEDER de 2007-2013 e de 2014-2020, "non podemos desaproveitar esta terceira oportunidade que se nos presenta". Salientou Sánchez Bugallo que nesta ocasión os fondos europeos soben ao 65% (fronte ao 55% en 2014-2020) e que "cun total do 84% do custo total subvencionado non podemos dicir que non vale".

Unha vez asinado, procederase á apertura das ofertas técnicas e económicas para poder adxudicar o contrato a unhas das catro ofertas preseleccionadas tralo proceso de diágolo competitivo. Tamén quedaría pendente a tramitación ambiental, que se substanciará mediante procedemento simplificado, a información pública e a aprobación técnica do proxecto. A previsión é que as obras comecen en 2022 e rematen no ano 2025, co obxectivo de que a EDAR sexa operativa a partir do ano 2026.

A actuación inclúe as obras de construción dunha depuradora que dará servizo a unha poboación de 277.000 habitantes equivalentes, así como a conexión á rede de colectores existentes e a execución dunha nova acometida eléctrica compatible coas necesidades enerxéticas da nova instalación e dotada dunha subministración eléctrica de respaldo.

Segundo puxo de manifesto a directora xeral de ACUAES, Rosa Cobo, con esta firma conséguese avanzar nun proceso que logrará unha depuración das augas residuais de Santiago de Compostela compatible coas condicións de vertedura ao río Sar que esixe a normativa vixente, especialmente no relativo á eliminación de nutrintes, resolvendo ademais os problemas de capacidade hidráulica da actual depuradora e obtendo unha redución eficiente da carga contaminante.

Compartir: