MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago estrea páxina web e unha aplicación interna que mellora a súa organización

04/02/2021 Dous voluntarios da agrupación de Protección Civil, Diego Barreiro e Patricia Otero, enxeñeiros informáticos de formación, puxeron en marcha unha páxina web coa que poñer en valor o traballo da entidade. Este aplicativo tamén conta cunha ferramenta interna que facilita e axiliza a organización dos dispositivos, entre outras funcións. Presentárona en rolda de prensa, acompañados polo concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños.

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Santiago conta cunha nova páxina web na que se pode atopar múltiple información sobre a propia agrupación e sobre as actividades que desempeña ao longo do ano, os tipos de intervención na que participan ou os recursos dos que dispoñen.

Gonzalo Muiños agradeceu a Diego Barreiro e a Patricia Otero o labor realizado, de xeito voluntario e altruísta, que "axiliza enormemente o traballo da agrupación" e facilita a distribución dos voluntarios. "Para min é un auténtico luxo e é un orgullo ser o responsable deste servizo" que "pon á disposición dos demais o seu tempo" e colabora en todo aquelo para o que se lles require.

Esta nova web conta tamén cun apartado de comunicación, onde se poden visualizar as imaxes de diferentes operativos e dende onde se poden descargar en formato pdf as memorias anuais de anos anteriores con todo o detalle dos operativos levados a cabo.

Dende o menú de ‘Contacto’, ademais de contactar coa agrupación, accédese ao módulo de dúbidas e preguntas e en ‘Outras ligazóns’ poden consultarse outros enlaces de interese de emerxencias tanto locais como autonómicos. No pé de páxina figura o acceso ás redes sociais da agrupación, dende as cales se mantén informada á cidadanía de todas as incidencias que se producen no municipio.

Por último, a páxina conta co apartado de ‘Faite voluntario’, a través do que se pode solicitar unha entrevista para pertencer ao grupo de Protección Civil.

Aplicación interna de xestión
Ademais da páxina web dispoñible para a cidadanía, cada un dos voluntarios de Protección Civil ten acceso a unha aplicación interna de xestión onde, previa autenticación con usuario e contrasinal, pode consultar os operativos. Deste xeito, cada voluntario poderá ver todos os operativos que están dispoñibles nese intre e apuntarse aos que queira segundo a súa dispoñibilidade. Para unha maior comodidade, na páxina principal pode ver un listado con todos eles así como o seu estado (aberto a novas inscricións ou xa co tope de voluntarios cuberto), e a hora na que hai que estar en base. Para máis información pódese pinchar en cada un deles e ver todos os detalles do mesmo. Ademais, o coordinador terá acceso para cubrir o informe.

É importante destacar que tanto a xefa da agrupación coma o secretario teñen permisos especiais para poder dar de alta novos operativos ou modificar os existentes, chegando avisos telefónicos a través de Telegram a todos os voluntarios. Tamén asignan a coordinación dos operativos e revisan os informes.

Conta cun apartado de xestión de vehículos, no que se poden ver todos aqueles que están dados de alta actualmente na agrupación. Deste xeito, os voluntarios que os utilicen teñen que deixar rexistrado sempre o parte de kms realizado.

En canto á xestión de voluntarios, tanto a xefa como o secretario da agrupación teñen permisos para dar de alta os novos voluntarios da agrupación. Cada un deles ten acceso á xestión dos seus propios datos persoais para modificalos cando sexa necesario (a excepción de se está autorizado a conducir ou non, decisión que lle corresponde á xefa da agrupación).

Un dos grandes módulos da aplicación, xunto co de xestión de operativos, é o de xeración de estatísticas grazas ao cal os voluntarios poden ver en cada momento o número de operativos que levan, os kms realizados con cada vehículo, etc. Trátase dun xestor moi versátil que está realizado de tal xeito que permite a consulta practicamente de calquera dato que está recollido na base de datos e permite agrupalo por voluntarios, por tipos de operativos, por vehículos, de xeito temporal, etc.

Toda a aplicación está integramente conectada con Telegram, polo que cada acción importante levada a cabo é notificada, dependendo da súa natureza, unicamente á Xefa e ao secretario da agrupación, a todos os voluntarios da agrupación ou ben a un determinado grupo de voluntarios.

Actuacións en 2020
O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá lembrou o importante que é para os servizos municipais a axuda e a colaboración que presta a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Santiago, con 25 anos de experiencia ás súas costas. O ano pasado realizaron máis de 1.200 operativos, entre os que destacan especialmente os relativos á atención das persoas máis vulnerables durante a pandemia.

"Non só repartiron comida e prestaron axuda a quen máis o necesitaba, tanto nas casas de quen os precisou como, por exemplo, no seminario de Belvís", que se habilitou como albergue para persoas sen fogar, "senón que tamén repartiron máscaras, atenderon o 010 e mesmo animaron á cidadanía coa celebración de cumpreanos" nos meses do confinamento, abundou o edil. "Neste ano 2021, no que están de aniversario", recalcou Muíños, "están chamados a xogar tamén un papel fundamental".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: