SMARTIAGO

O proxecto CPI de mobilidade smart, pioneiro en Europa a nivel de innovación, permitirá controlar e predecir os fluxos de vehículos e peóns na cidade histórica

04/02/2021 Os concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte; e de Mobilidade, Gonzalo Muíños, presentaron hoxe, xunto a Juan Marín, director do departamento de Cidades da empresa Kapsch, o proxecto CPI (Compra Pública Innovadora) de mobilidade smart. "O proxecto estrela de SMARTiAGO", como o definiu Guinarte, "porque é o que acapara un maior volume de recursos económicos e porque, probablemente é o que vai ter unha maior visibilidade e influencia no desenvolvemento futuro de cuestións fundamentais para a nosa cidade, como o control de fluxo de vehículos e de peóns".

O proxecto CPI de mobilidade smart saiu a licitación por un importe de 2.146.000 euros, cun prazo de execución de 18 meses, 12 deles de implantación e os outros 6 destinados ao "entrenamento e autoaprendizaxe" derivados da análise de datos. Foi adxudicado á empresa Kapsch Trafficcom Transportation, por importe de 1.412.000 euros, e o 15 de xaneiro pasado asinouse o contrato. Contempla, segundo explicou Sindo Guinarte, responsable do proxecto SMARTiAGO, a instalación de cámaras intelixentes en 43 emprazamentos da cidade histórica, tanto para o control de vehículos como de peóns; sistemas de redutores de velocidade intelixente, con capacidade para calcular a masa e o volume dun vehículo; e unha plataforma intelixente para o control do conxunto de elementos reguladores da mobilidade".

Resaltou Sindo Guinarte que "somos a primeira cidade patrimonio de España en ter no seu ámbito patrimonial un sistema de apoio semellante para controlar e predecir todo tipo de mobilidade. Isto sitúanos á vangarda de innovación". Tanto o concelleiro de Turismo como o de Mobilidade agradeceron o traballo desenvolvido por todo o persoal que participou na execución do proxecto SMARTiAGO. Gonzalo Muíños destacou que "marcará un antes e un despois na cidade, en aspectos tan importantes como a mobilidade. Vai ser algo novo en Europa e volvemos ser un referente a todos os niveis".

Proxecto
Juan Marín describiu en que consiste o proxecto, que cualificou como "único e pioneiro en Europa", detacando que "neste 2021, Santiago abre un novo pórtico ao resto do mundo, abrindo o camiño á xestión da mobilidade urbana do futuro". Un proxecto que cualificou como "único e pioneiro en Europa".

Explicou que está estruturado en cinco compoñentes:

Cámaras intelixentes. Este sistema permitirá, entre outros aspectos, a detección e lectura da matrícula de vehículos; a súa clasificación (marca, modelo, color, tipo, etc.), a altura e lonxitude; a lectura de placas indicadoras de tara e volume; detección de remolques e semi-remolques; a detección e clasificación de mercadorías descargadas na vía pública; a caracterización de peóns e a trazabilidade dos mesmos; e a detección e seguimento dun vehículo a través de todas as cámaras de visión artificial desplegadas. Está previsto instalar cámaras en 43 emplazamentos; en 31 deles destinadas á xestión da mobilidade do tráfico, e nos outros 12 á mobilidade peonil.

Redutores de velocidade con pesaxe. Este compoñente permite a pesaxe de vehículos en marcha cunha fiabilidade do 80% e, polo tanto, a detección de vehículos con sobrepeso, e o contraste dos pesos entre vehículos.

E un centro de mobilidade intelixente no que se distinguen outros tres compoñentes:

Hadware e software de post procesamento, cun sistema de intelixencia artificial baseado en algoritmos de "deep learning". Permitirá predecir as rutas de tráfico de mercadorías, e as de vehículos de residentes ou de turistas. Tamén inicidirá na integración do control de tráfico, con paneis de mensaxes e ocupacións de aparcamentos.

A plataforma de xestión para a visualización, fusión de información, validación, evento, estratexias e administración.

Resultados. Indicadores de mobilidade, indicadores de limpeza, avaliación de estratexias, e outros informes.

A citada plataforma de xestión, na que tamén se inclúe o apartado 5 de resultados, traballará con aspectos como a planificación dos problemas de mobilidade, a demanda de servizos, como mellorar a planificación da limpeza, como anticiparse ao que vai ocurrir, así como posibles respostas aos problemas de mobilidade e como se poden mellorar anticipándose aos mesmos.

O proceso dos datos obtidos tanto internos, (con aforadores, detectores, cámaras, parquímetros, reguladores de tráfico), así como os externos (as bases de datos aportadas por Concello, Xunta, DXT, etc. ), procésanse a través de algoritmos que permitirán realizar distintas análises desa información (descritica, predictiva, etc.) e anticipar solucións aos problemas de mobilidade, entre elas o cálculo e uso de perfís de tráfico; a predicción e detección de incidentes e a planificación de rutas.

Entre os beneficios descritos por Juan Marín, destaca o aumento de eficiencia na mobilidade, o aumento da seguridade, o aumento da eficiencia na limpeza viaria; unha maior información ás persoas usuarias; a conservación do patrimonio histórico; e o retorno de inversión cara ao concello de Santiago por dereitos compartidos.

Innovación
Sindo Guinarte, incidiu en que "o proxecto SMARTiAGO é un proxecto de compra pública innovadora". Isto quere dicir que "unha parte moi substancial do mesmo, a que hoxe presentamos, debe ter necesariamente un compoñente innovador, debe aportar unha solución que teña compoñentes que non están a ser utilizados en ningún outro lugar, que non están no mercado", como as cámaras intelixentes, ou o sistema redutor de velocidade para control de tara e volume dos vehículos. "É algo que neste momento non se pode mercar. Hai que desenvolvelo para poder implantalo. Iso é o que significa Compra Pública Innovadora (CPI)", engadiu.

Juan Marín destacou que o proxecto contempla unha "gran novidade": a "incorporación de tecnoloxía innovadora", ao que se engaden "imaxes como fontes de información, sácandolle un rendemento ". Explica que os algortimos permitirán, por exemplo, distinguir peregrinos do resto de transeúntes, permitirán saber se hai papeis no chan, ou calcular o peso e volume dos vehículos". Engade que algúns deses algoritmos xa están probados, e outros vanse desenvolver especificamente para este proxecto.

Subliña Juan Marín que este é un proxecto cunha visión global. "Non son elementos illados que se van desenvolver. Teñen unha finalidade: utilizar toda esa información para a xestión da mobilidade adecuada no futuro". "Moi poucas organizacións e entidades son capaces de utilizar todas estas múltiples fontes de información tan complexas, utilizar algoritmos para facelas últiles, e por enriba desenvolver elementos predictivos e axudar á definición de cal vai ser o comportamento futuro",sinala. "Moi poucas cidades están afrontando estes aspectos de visión global", engade.

O proxecto SMARTiAGO desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Documentos relacionados



Compartir: