CULTURA E FESTAS

Ata o 16 de febreiro está aberto o prazo para presentarse ao concurso fotográfico "O disfrace invisible"

02/02/2021 O Concello de Santiago acolleu hoxe a presentación do concurso fotográfico "O disfrace invisible", na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o responsable de Festas, Gonzalo Muíños; e o mago Kiko Pastur. Consiste en disfrazarse para camuflarse ou "desaparecer" da imaxe, en lugares recoñecibles de Compostela. O prazo para a presentación das imaxes ábrese hoxe e péchase o 16 de febreiro.

Mercedes Rosón destacou a orixinalidade da iniciativa, que, engadiu, "se adapta totalmente ás actuais restriccións anticovid e permítenos celebrar o entroido doutro xeito". "Ata onde sabemos", continuou, " é a primeira vez que unha cidade acolle unha iniciativa deste tipo", coa cidade como protagonista. "É un xogo con Compostela como escenario, que vai contribuír a visibilizar o noso patrimonio: os nosos monumentos, os nosos parques, as nosas rúas". Tamén destacou a máxia "coa que nace", ao estar organizado polo Museo de Maxia Kiko Pastur, en colaboración con Mery Pais, a Asociación Cidade Vella e o Concello de Santiago, a través das concellarías de Acción Cultural e de Festas.

Na súa intervención, Gonzalo Muiños explicou a dinámica do concurso. Sinalou que se premiará "o enxeño e orixinalidade dos e das participantes, o deseño e fabricación dos traxes, a calidade técnica das fotografías e que os lugares escollidos poñan en valor a propia cidade".

Concederanse tres premios de 1.000 euros, 500, e 300 euros; e dous áccesits de 100 euros para a fotografía máis divertida e máxica, así como para formar parte do álbum que o concello exhibirá coas propostas máis brillantes e máis enxeñosas que se reciban. O concelleiro de Festas recordou que as fotos deben presentarse, unicamente, en formato dixital, e non poden ser alteradas nin manipuladas.

Cada concursante poderá presentar o número de obras fotográficas que queira, aínda que só poderá optar a un premio no caso de que presente varias. As obras fotográficas enviaranse, ata o 16 de febreiro incluido, ao correo electrónico odisfraceinvisible@gmail.com, nos formatos standard JPEG, TIFF, BMP, PNG ou RAW; ou a través da web https://odisfraceinvisible.com/

Kiko Pastur destacou o fomento do enxeño e a creatividade deste concurso a nivel individual, e "na parte social", a exposición das 25 mellores fotografías, que percorrerá os Centros Socioculturais da cidade. E sinalou que camuflarse coa contorna "non é algo novidoso", o que é novidoso é vinculalo, engadiu, ao entroido.

Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Kiko Pastur animaron á cidadanía a presentarse ao concurso, "a xogar con este reto creativo" a ilusionarse "con este entroido tan atípico que nos toca vivir este ano".

Compartir: