XUNTA DE GOBERNO

O alcalde observa unha "certa estabilización" dos datos da covid na cidade

01/02/2021 O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno, ademais de para valorar a evolución da pandemia na cidade. Á luz dos últimos datos (a día de hoxe hai 708 casos activos), o alcalde cre que se pode estar chegando "á fase de meseta".

"Levamos 6 días cunha certa estabilización", indicou o rexedor, que confía en que "sexa indicativo de que chegamos á fase de meseta". Non obstante, lembrou que "é posible que a presión hospitalaria siga subindo" co que reiterou o chamamento a continuar coa prudencia. A este respecto cualificou de irresponsable o comportamento daqueles cidadáns que foron citados para participar no cribado realizado en Amio durante a fin de semana e non se presentaron: "3000 dos 9000 previstos non compareceron, o que me parece una irresponsabilidade manifesta. Déixame sorprendido". Aínda que cre que maioría da poboación está acatando as restricións impostas, lembrou que a Policía local segue a vixiar o seu cumprimento. "Ata o mes de decembro puxemos 1360 denuncias", abundou.

O rexedor agradeceu unha vez máis o esforzo que está a facer toda a cidadanía, en xeral, e algúns sectores, en particular. Para estes últimos (comercio e hostalería, nomeadamente) o Concello vai habilitar nos meses de marzo ou abril unha nova liña de axudas por 2,5 millóns de euros. As axudas convocadas en decembro, por ese mesmo importe, serán aboadas a partir de hoxe, indicou. A esta convocatoria, que rematou o día 30 de decembro e se fai efectiva en febreiro - "todo un récord", sinalou o rexedor - presentáronse 1200 solicitudes, das que 830 se resolveron favorablemente.

Xunta de Goberno
Na Xunta Local de Goberno deuse conta de distintos informes de adaptacion ás novas medidas anticovid impostas pola Consellería de Sanidade e recollidas na orde do 26 de xaneiro de 2021, pola situación epidemiolóxica derivada da covid-19.

En concreto, deuse conta da suspensión temporal da docencia presencial na Escola Municipal de Música (EMMS) desde o 27 de xaneiro e ata o 17 de febreiro de 2021 (inclusive) e a aprobación da implantación temporal da educación telemática para seguir prestando o servizo aos usuarios durante ese período.

A empresa prestataria da xestión da EMMS emitiu un informe adaptándose ás novas restriccións. O documento sinala que o profesorado que teña que impartir ensino virtual poderá facelo desde o centro de traballo ou desde o seu domicilio, sempre e cando se garanta a conectividade. A dirección estará en modo presencial para garantir a atención permanente do servizo. O texto tamén incide en que desde o inicio da crise sanitaria provocada pola pandemia se adoptaron todas as medidas precisas para adaptar a prestación do servizo ás novas necesidades e instrucións que se foron ditando ante unha situación excepcional de alarma como a que se está a producir. Daquela implementouse a realización das actividades de xeito telemático cun grao moi alto de aceptación e seguimento das persoas usuarias.

Protocolo de instalacións deportivas
Tamén se deu conta do protocolo no uso e ocupación das instalación deportivas municipais adscritas á xestión do Departamento de Deportes en base ás novas restricións recollidas na orde do 26 de xaneiro. Deste protocolo, que se mantería mentras duren as actuais restricións, inicialmente previstas ata o 17 de febreiro; destaca:

1. O mantemento do servizo na case totalidade das instalacións, que permanecerán abertas seguindo a normativa vixente. Isto suporá o mantemento da carga horaria reservada para as actividades lectivas escolares, así como a reorganización das actividades de adestramento de determinadas entidades que participan en deporte ámbito nacional, coa intención de favorecer o menor contacto posible na rotación entre clubs, procurando asignar un recinto por entidade. Esta nova distribución limitará notablemente a interacción entre deportistas de diferentes clubs, que adestrarán en instalacións diferentes, sempre que sexa posible. Inicialmente permanecerán pechadas sen actividade o campo de fútbol 8 de Belvís e o campo de fútbol de As Cancelas. No que respecta a esta última instalación o seu peche é consecuencia das obras de reforma que se están a desenvolver.

2. Reorientaranse os servizos de conserxería e limpeza de instalacións con menor carga de uso ou parcialmente pechadas, que se adicarán a reforzar estas prestacións noutros recintos durante as actividades que así o requiran. A maiores, dentro do ámbito da prestación dos servizos de conserxería e limpeza contratados, durante o periodo de vixencia das novas medidas e, sempre que sexa posible e a carga de uso o permita, realizaranse complementariamente outros labores específicos recollidos nos diferentes protocolos, vinculados principalmente co mantemento elemental, limpezas especiais, reordenación de espazos así como, calquera outro que poida ser desenvolto para mellorar os estado actual das instalacións.

3. Prohíbese a asistencia de público ás instalacións durante os adestramentos e competicións das categorías de ámbito Estatal que manteñan a súa actividade. Esta prohibición faise extensible, con carácter xeral, a calquera outra proposta de ámbito deportivo que poida realizarse durante o periodo de vixencia destas medidas.

4. As instalacións deportivas pecharán ás 22:00 horas polo que as actividades deberán rematar coa antelación suficiente para poder cumprir coas limitacións de mobilidade existentes (nunca despois das 21:45 horas).

5. Con carácter xeral, no que respecta ao uso de vestiarios e zonas de duchas establécese o seguinte criterio que poderá ser revisado ou incluso anulado se se considera que existen razóns de calquera índole que o xustifiquen:

Competición oficial: facilitarase o uso de vestiarios e duchas, sempre que a instalación o permita, durante o desenvolvemento de competicións oficias, sendo o club organizador responsable de que os equipos participantes respecten en todo momento as capacidades máximas permitidas que figuran expostas de forma particular en cada recinto, así como as normas que correspondan.

Adestramentos: permitirase o uso de vestiarios aos equipos de ámbito nacional que desenvolvan as súas actividades de adestramento no exterior e que estean en competición regular, sempre e cando se cumpran as normas publicadas e as capacidades máximas definidas para cada recinto.

Para o resto de colectivos unicamente se disporá dun vestiario como espazo de apoio para aseo ou para atender situacións particulares que poidan xurdir durante o adestramento ou de forma imprevista.

Non obstante, recomendarase a todos os equipos e deportistas que eviten, sempre que sexa posible, o uso das duchas e que a permanencia dentro dos vestiarios sexa polo menor tempo posible (máximo 15 minutos).

6. No que respecta aos posibles usuarios vinculados directamente co mundo do deporte federado, poderán continuar empregando as instalacións baixo o compromiso de cumprimento das normas establecidas.

Estas medidas serán de aplicación ata o 17 de febreiro de 2021, así como durante as sucesivas prórrogas que se poidan producir, condicionadas en todo momento á súa adaptación ou modificación en base ás posibles medidas que se poidan implementar como consecuencia da situación sanitaria provocada pola COVID-19.

Memoria asesoría xurídica
Na reunión do executivo local tamén se deu conta da "Memoria anual 2020 de actividade da Asesoría Xurídica Municipal", na que se destacan os seguintes datos: 393 informes emitidos, 115 sentenzas, e 3.402 actuacións procesuais.

Outros asuntos
Así mesmo, aprobáronse varias licenzas, entre elas unha de obra de nave industrial para un almacén de produtos mecánicos na rúa Extremadura (polígono da Sionlla) por un importe de execución material de 182.499,7 euros. Tamén se concederon varias licenzas de segregación de parcelas.

Ademais, procedeuse á revisión do IPC da renda do contrato de aluguer de tres locais, destinados a oficinas municipais de servizos básicos, atención á cidadanía, e rexistro xeral; e deuse conta de varias sentenzas xudiciais.

Documentos relacionados



Compartir: