ALCALDÍA

O alcalde confía en resolver favorablemente máis de 800 solicitudes da segunda convocatoria de axudas, presentadas en decembro por comercio, hostalería e sector cultural

25/01/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que xa se aboaron as axudas destinadas aos sectores máis afectados polas medidas anticovid convocadas nos meses de abril e maio pasado. Sobre a segunda convocatoira, a do mes de decembro, afirmou que "a nosa intención é pagalas entre este semana e a vindeira", unha vez remate o traballo administrativo de introducir os datos nas bases informáticas. Son unhas 1.200 solicitudes, aproximadamente, das que segundo o cálculo do rexedor, se poderán atender "algo máis de oitocentas".

Sánchez Bugallo calcula que das solicitudes correctamente presentadas, poderanse atender todas as relacionadas co ámbito cultural e co sector hosteleiro, "pero non todas as do ámbito do comercio, que teremos en conta para a próxima convocatoria", que está previsto que saia en abril ou maio. O alcalde informou que xa se remitiu á Deputación provincial a proposta de convenio para o reparto do millón de euros que aporta o organismo provincial, que espera "sexa aprobada no pleno extraordinario" que se celebraría a mediados do próximo mes.

O rexedor agradeceu aos traballadores do concello compostelá os seus esforzos para poder resolver a convocatoria canto antes; e recordou que nunca "na historia de Santiago, se atenderon máis de 800 subvencións nunha convocatoria, pero tampouco nunca vivimos unha situación como esta". Unha situación excepcional, engadiu, na que "estamos adoptando medidas excepcionais para facerlle fronte e para compensar os seus efectos.

Orzamentos
Por outra banda, o alcalde avanzou que o goberno municipal está traballando coas previsións de que o pleno de orzamentos para 2021 se celebre o 25 de febreiro. Recorda que se van presentar o venres próximo, polo que queda case un mes por diante, "tempo suficiente para debatilos e para poder realizar as aportacións correspondentes".

COVID-19
O alcalde confirmou que neste momento hai 741 casos activos de COVID en Santiago de Compostela, "máis dun 50% do máximo que se acadou na segunda onda", "cunha presión hospitalaria, especialmente na UCI, que está sendo moi intensa". Para o rexedor, "é evidente que todas as luces de alarma e preocupación están acesas neste momento". Explica que, "con relación ao 15 de decembro pasado, cando se adoptou a decisión do peche perimetral, o número de casos activos pasou de 147 a 741, é dicir, multiplicouse por 5"; e con relación ao pasado 18 de xaneiro, hai unha semana, cando había 566 contaxios, incrementouse nun 30%. Por iso, engade, "non podemos dicir que estemos nunha fase de meseta, que se estea producindo unha estabilización".

Sobre as novas restricións, sinalou que non pode descartar "ningunha hipótese", en relación a un posible peche da hostalería por parte da Xunta de Galicia. "O único que estamos a pedir e que se teñan en conta as consecuencias económicas que se están derivando para os sectores máis afectados, e que na medida do posible se intenten establecer programas de axudas reais e efectivos para eses sectores". "Nós", engadiu, "desde o concello así o estamos facendo, dentro das nosas limitadas posiblidades" e tendo en conta "que non somos a administración competente".

Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, acordou o persoamento do Concello de Santiago, para a defensa dos intereses municipais, en catro procedementos tramitados polo Xugado do Contecioso. Son catro procedementos similares, contra a Axencia de Turismo de Galicia, pola cancelación da inscrición de distintos inmobles no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. O fundamento da resolución impugnada en todos eles é o acordo plenario de modificación do PE-1 sobre pisos turísticos (artigo 41.5 do Decreto 12/2017, do 21 de xaneiro). Ademais, deuse conta dun convenio, da concesión dunha axuda, e aprobáronse tres licenzas de obra.

En concreto, deuse conta da adhesión do Concello de Santiago de Compostela ao convenio de colaboración subscrito o 18 de decembro de 2020 entre a Vicepresidencia primeira e consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a consellería de SAndiade, o Servizo Galego de Saúde, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a realización de programas de atención e protección da saúde. Mediante este convenio, o goberno galego contribuirá ao financiamento de programas de axudas para Unidades Asistenciais de Drogodependencias UADs con 533.969,92 euros. Un programa, que segundo sinalou o alcalde, e ven aplicando "desde medidados do mes de marzo, ao longo do ano pasado, e que permitiu incrementar o número de familias que estaban sendo atendidas por este servizo".

Tamén se deu conta da concesión dunha axuda por importe de 183.768 euros, ao abeiro do Programa extraordinario de apoio na contorna familiar para a atención temporal e urxente como consecuencia da pandemia creada pola COVID19, durante o período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2020.

O executivo local tamén aprobou a concesión de tres licenzas. A primeira, unha licenza de obra nova para unha residencia canina no lugar de Fontao, cun orzamento de execución material de 143.562 euros. A segunda, para a construción dunha nave comercial sen uso na rúa do País Vasco, no polígono industrial da Sionlla, cun orzamento de execución material de 2.137.274 euros. E a terceira, unha licenza para ampliación dunha nave industrial destinada á fabricación de mamparas divisorias na rúa da Comunidade Valenciana.

Documentos relacionados



Compartir: