OBRAS

Balance do concelleiro de Obras das incidencias da liña verde e dos traballos de mantemento en beirarrúas e asfalto realizados en 2020

19/01/2021 A concellaría de Obras realizou, de febreiro a decembro de 2020, traballos de reparación en máis de 150 beirarrúas e actuou sobre unha superficie asfáltica superior aos 13.000 metros cadrados. Os datos deunos a coñecer o concelleiro Javier Fernández nunha rolda de prensa na que fixo balance das incidencias da liña verde e dos traballos de mantemento realizados en toda a cidade, a excepción da zona histórica, durante o pasado exercicio.

Sobre a liña verde o concelleiro de Barrios e Obras detacou que "conseguimos diminuir significativamente os tempos de resposta das incidencias relacionadas co departamento de obras". Puxo como exemplo que das 524 incidencias contabilizadas en 2020, "só quedaron pendentes de solucionar seis, que neste momento están en proceso de execución".

Liña verde
Javier Fernández amosou os datos, desde o ano 2016, das incidencias que chegaron ao departamento de Obras a través da liña verde, comparando os tempos de resposta e solución.

En 2020 a concellaría de Obras rexistrou 524 incidencias a través da liña verde, un 13,42% do total das recibidas. Por primeira vez, desde que comezou a funcionar, en 2016, os tempos de resposta baixaron dos dez días, situándose en 7; e a solución a esas incidencias situouse, tamén por primeira vez, por debaixo dos cen días, concretamente en 83. Ese descenso xa se notara en 2019, cando o tempo de resposta medio foi de 24 días (fronte aos 286 de 2017 e aos 69 de 2018); e o tempo de solución de 345 días (fronte aos 377 de 2017 e aos 406 de 2018).

A liña verde é unha aplicación utilizada pola veciñanza, na que informan sobre as incidencias detectadas en distintos puntos da cidade.

Actuacións de mantemento
As actuacións de mantemento son, segundo explicou Javier Fernández, "actuacións programadas con antelación, en función da urxencia da obra. E nelas están incluídas as incidencias que nos chegan a través da liña verde".

No balance realizado, o concelleiro diferenciou entre reparacións de beirarrúas e actuacións de mantemento asfálticas. En canto ás primeiras, explicou que desde febreiro a decembro se actuou sobre máis de 150 beirarrúas da cidade, tanto do Ensanche como dos distintos barrios. O orzamento anual para estes traballos é 299.999 euros (contabilizados desde febreiro de 2020 a febreiro de 2021) quedando por executar, neste momento, preto de 3.000 euros.

En canto ao mantemento do asfalto, actuouse, entre febreiro e decembro de 2020, sobre 13.178 metros cadrados. Realizáronse regos asfálticos sobre uns mil metros cadrados, que tiveron un custo de 4.179 euros. As actuacións de aglomerados en frío ocuparon unha superficie de 3.700 metros cadrados, e costaron 68.291 euros. E as de aglomerado en quente abarcaron case 8.500 metros cadrados e nelas investíronse 295.697 euros. A estas cantidades hai que sumarlle 687 euros gastados noutras actuacións, enre elas, sinalou Javier Fernández, "arranxar desperfectos de accidentes de tráfico".

Ás actuacións de mantemento asfálticas destináronse, entre febreiro de 2020 e o mesmo mes de 2021, 399.999 euros. Neste momento quedan pendentes de executar, segundo informou o concelleiro, algo máis de dez mil euros.

Documentos relacionados



Compartir: