ALCALDÍA

O alcalde sinala, no décimo aniversario da Cidade da Cultura, que no futuro será unha infraestrutura significativa e representativa do conxunto de Galicia

13/01/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou, despois de asistir aos actos do décimo aniversario da Cidade da Cultura, que "dentro de 40 anos", cando se cumpla medio século do seu funcionamento, "será unha infraestrutura, un equipamento asumido por todos os galegos como un emblema e un elemento significativo e representativo do conxunto de Galicia"; e estará "integrada dentro da malla urbana da cidade". Sinala que o complexo se está consolidando como un referente "absolutamente positiva", que o pon en valor e que permite consolidalo como "un investimento" e non como "un gasto".

Sinalou que hai moi pouco marxe de tempo para facer, neste momento, unha valoración da Cidade da Cultura, xa que sinalaba, citando ao arquitecto, Julio Cano Laso, que as grandes obras hai que valoralas cunha perspectiva de 50 anos".

Para o alcalde, "un equipamento desta categoría e dimensión, necesariamente plantexa problemas de integración e axuste". Un debate, explica, que xa se tivo cando se elaborou o PXOM de 2008 no que se plantexou "como articular a integración paisaxística, urbanística e de conectividade entre a Cidade da Cultura e a propia cidade de Santiago". O complexo ocupa, sumando os edificios construídos e as zonas de parques, 70 hectáreas, "o dobre da dimensión da dimensión do recinto amurallado" de Compostela, que é de aproximadamente, 32 hectáreas. "É unha actuación dun tamaño tan grande que ocupa unha posición tan relevante, que o reto de integralo e incorporalo dentro do tecido urbano, é un reto dunha magnitude importante". Asegura Sánchez Bugallo que estamos vendo "como pouco a pouco, esa integración se está producindo".

O rexedor rematou sinalando que neste ano Santo "imos ter a oportunidade de xerar sinerxias entre os recintos que temos en Santiago (CGAC, Auditorio de Galicia, Pazo de Congresos ou Cidade da Cultura), consolidando unha cidade cun nivel de equipamentos e de servizos enorme".

Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2011 polos entón Príncipes de Asturias e hoxe Reis de España e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumpre os seus primeiros dez anos de vida con preto de 5.000 actividades culturais e eventos, recibindo case 6 millóns de visitas ao longo desta década.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentouo balance dos primeiros dez anos de funcionamento da Cidade da Cultura. Recordou que o Gaiás de 2021 é un espazo de referencia no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, con máis de 600 persoas traballando a diario nas súas instalacións, unha media anual de case 200 actividades culturais e 400 eventos organizados por empresas, institucións e colectivos sociais nas súas instalacións, e que pechou 2019 –último ano antes da pandemia– recibindo a máis dun millón de persoas, entre visitantes, turistas, usuarios dos servizos públicos e traballadores.

Compartir: