XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a apertura do procedemento de licitación das pólizas de seguros da flota de vehículos do Concello

11/01/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de subministro de concesión das pólizas de seguro da flota de vehículos propiedade do Concello de Santiago e a apertura do procedemento de adxudicación, establecéndose un tipo de licitación de 70.000 euros exentos de IVE. Tamén autorizaron á Fundación Brandomil a publicar copias dos documentos do Fondo Antigo do Arquivo Municipal de Santiago, depositados no Arquivo Histórico Universitario, para o seu proxecto de Bibliotecta Virtual de Brandomil.

Ademais, concedéronse varias licenzas. Entre elas a solicitada pola empresa Plenoil, S.L., para a construción de distintas instalacións de venda polo miúdo de combustible en réxime desatendido no polígono de Costa Vella, cun orzamento de execución material de 334.443,65 euros. As actuacións consistirán na instalación da unidade de subministro de gasóleo e gasolina con zona de almacenamento de combustible e repostaxe, con tres surtidores. Tamén se levantará unha marquesiña de 280 metros cadrados, e unha caseta de 19,80 metros cadrados, dunha soa planta de oficinas, que se completará cunha área de vending, caixeiro e aseos, aparcamento e monolito de prezos cunha ocupación de 1.152 metros cadrados.

Tamén se acordou concender a licenza de obra a Suministros Calefón, para a construción dunha nave industrial no polígono de Costa Vella, cun orzamento de execución material de 55.674,52 euros. Constará dunha planta soto e tres plantas a maiores, cunha ocupación en planta de 3.854,03 metros cadrados, unha altura de 12 metros e unha superficie construíble total de 8.275,30 metros cadrados dos que 7.741,19 serán metros útiles. A maiores, na Xunta de Goberno rexeitouse un recurso de reposición e deuse conta de varias sentenzas.

Incidencia da COVID na cidade
O alcalde aproveitou a comparecencia para dar conta dos casos de covid rexistrados na cidade, que chegan aos 346 en total. Iso supón unha incidencia acumulada a 14 días de 308 casos, "cifras realmente elevadas", confirmou o rexedor, que lembrou a necesidade de extremar as precaucións "ante un mes particularmente difícil".

Recordou o o alcalde que dende o Concello se continúan a realizar controis para detectar e sancionar incumprimentos das medidas dictadas para a contención do virus. Dende o final do estado de alarma (21 de xuño) xa se tramitaron máis de 1000 denuncias (1006, en concreto), a maioría delas por ruídos en vivendas (493), pero tamén por non levar a máscara posta (267), por incumprimento do toque de queda (118), do peche perimetral (44) ou por outros incumprimentos (84). A estas denuncias súmanse as 354 tramitadas durante o estado de alarma, facendo un total de 1360.

Tamén se levou a cabo un intenso reparto de máscaras: "levaremos repartidas unhas 30 ou 40.000 entre o transporte público, a praza de Abastos, entidades sociais....", abundou o alcalde. Sánchez Bugallo lembrou de novo á poboación a necesidade de manter un comportamento responsable para que a tendencia á alza poida "estabilizarse" e decrecer o antes posible.

Documentos relacionados



Compartir: