ACCIÓN CULTURAL

O Concello recorda, con sendas ofrendas florais, as figuras de Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo

05/01/2021 O cemiterio de Boisaca acolleu hoxe as ofrendas florais do concello de Santiago ao escritor e dramaturgo Ramón María del Valle Inclán; e ao polifacético galeguista Isaac Díaz Pardo. Os dous faleceron un 5 de xaneiro. O primeiro, do ano 1936 e o segundo, de 2012. A primeira tenente de alcalde, Mercedes Rosón, recordou que "esta homenaxe a Valle-Inclán responde a un acordo plenario do Concello de Santiago de 1985", a proposta do entón concelleiro Luis Pasín. "Estamos aquí", engadiu, "para non esquecernos nunca dun dos nosos escritores e creadores máis universais".

A tamén concelleira de Acción Cultura lembrou que foi o propio dramaturgo, nacido en Vilanova de Arousa, quen quixo que o soterraran en Compostela. "Nun lugar, engadiu, onde tamén repousan, compartindo o espazo que hai fronte á entrada, o noso añorado Díaz Pardo, Antón Fraguas, Aurelio Aguirre, ou Carvalho Calero". Un Valle-Inclán que, continuou, se hoxe vivira, "estaría escribindo cousas parecidas, cunha visión tan persoal e tan universal que nos axuda, a través do seu traballo, a concebir o mundo, a pensalo e a repensalo".

Primeiro tivo lugar a ofrenda floral a Isaac Díaz Pardo, na que participaron Mercedes Rosón, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e o portavoz do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete. Desde o Concello de Santiago quixérono homenaxear cunha coroa, igual á depositada, a continuación, sobre a tumba de Valle-Inclán.

Na homenaxe ao dramaturgo, ademáis de Concello e Xunta de Galicia, tamén estaba presente un dos seus netos; e distintas representacions dos concellos de Vilanova de Arousa, da Pobra do Caramiñal, do Museo de Valle-Inclán e da Asociación Amigos de Valle-Inclán. Mercedes Rosón rematou a súa intervención sinalando que "seguiremos consolidando ese roteiro compostelán de Don Ramón, e seguiremos facendo cousas en colaboración con outras administracións". Un traballo común que tamén destacou Román Rodríguez, que cualificou ao escritor "como un dos grandes creadores universais que deu Galicia".

Compartir: