ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o libro "Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso", unha biografía do polifacético autor escrita por Xosé Ramón Fandiño

04/01/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o libro "Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso", xunto ao seu autor, Xosé Ramón Fandiño. Editado polo Concello de Santiago, cunha primeira tirada de mil exemplares, achega o lector á biografía do polifacético galeguista. Un traballo rigoroso, segundo a concelleira, que se elaborou durante o centenario do nacemento de Díaz Pardo e que se presenta cando están a piques de cumprirse os 9 anos do seu falecemento, ocurrido un 5 de xaneiro de 2012.

Segundo explico o filólogo e colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información durante 10 anos, este libro "é o resultado final de traballos previos que me induciron a afrontar a biografía completa e posiblemente definitiva deste polifacético artista" dotado dunha inmensa capacidade intelectual e creativa, "e dunha enorme capacidade de traballo". O título do libro, continuou Xosé Ramón Fandiño, está suxerido pola lealdade inquebrantable que Isaac lle profesou durante toda a súa vida ás utopías republicanas e galeguistas nas que se educou". O máis salientable de Isaac, engadiu, "son as causas xustas que defendeu incansablemente, a loita pola dignidade, o sentido ético que lle imprimiu ás súas empresa afastadas de calquera tentación especulativa".

Xosé Ramón Fandiño destacou a creación, en 1963, por parte de Díaz Pardo e Luis Seoane do Laboratorio de Formas de Galicia, "a proposta cultural máis importante e trascendente de cantas se teñan feito na Galicia posterior ao ano 36". A esa etapa profesional e de artista comprometido, adícalle o autor boa parte dos 7 capítulos nos que se divide a publicación. "Máis que unha biografía cronolóxica é unha biografía temática na que se aborda a evolución vital e ideolóxica" de Isaac Díaz Pardo, sinala.

Mercedes Rosón explicou que "Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso" forma parte da colección "Saber e descubrir", iniciada o ano pasado coa publicación "O panteón real da Catedral de Santiago", en colaboración coa Agrupación Cultural O Galo. O libro repartirase entre bibliotecas, centros culturais, e tamén se distribuirá entre as persoas que o soliciten, que deberán pedilo no Teatro Principal.

Rosón sinalou que está publicación pecha as distintas accións programadas co galo do centenario do nacemento de Díaz Pardo. Lebrou a escultura de César Lombera colocada en agosto no Paseo dos Leóns da Alameda; o mural deseñado e pintado por Javier Mourón en colaboración co alumnado que cursa o bacharelato de arte no IES do SAR, nos muros do centro educativo, no que colaborou o concello de Santiago, ou os roteiros guiados pola cidade en relación á figura de Díaz Pardo.

Biografía de Xosé Ramón Fandiño
Xosé Ramón Fandiño Veiga, licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC, foi director da Gran Enciclopedia Gallega. Colaborador de diversos medios de comunicación, especialmente da Radio Galega onde dirixiu e presentou durante o curso 1994-95 o programa Galicia Universitaria co que acadou o Premio Xornalístico V Centenario da Universidade de Santiago.

Como ensaísta son numerosos os seus estudos sobre diversos aspectos da cultura e da literatura galega. Tamén foi comisario das exposicións Xenaro Martínez Castro (Museo do Pobo Galego, 2008), Ao pé do prelo. Luís Seoane, editor e artista gráfico (Xunta de Galicia, 2010), O corazón do barro (Museo do Pobo Galego, 2017) e Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela (Ateneo e Universidade de Santiago, 2018).
Membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e presidente da Fundación do Pedrón de Ouro, foi durante 10 anos colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información; e ten participado en diversos foros sobre a súa figura ; e publicado numerosas monografías, entre as que cabe destacar: Isaac Díaz Pardo. A patria enteira na memoria (Vigo, 2008), edición e prólogo dos libros A luminosa mirada dos ollos de Isaac. Obra dispersa (Santiago, 2012), O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo. Colaboracións xornalísticas, 1963-2009 (Santiago, 2018). Tamén colaborou no Catálogo da exposición As miradas de Isaac (Xunta de Galicia, 2020) co traballo Isaac Díaz. Compostela: infancia e mocidade.

Compartir: