ACCIÓN CULTURAL

Inaugurada a exposición "A Rede Visible", que permanecerá na Alameda de Santiago ata o 29 de decembro

19/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición fotográfica "A rede visible", organizada pola asociación Les Coruña, coa colaboración da Deputación da Coruña, que permanecerá no Paseo Central da Alameda desde hoxe, día 19, ata o 29 de decembro. Ao acto tamén asistiu o deputado provincial, Xosé Luis Penas, a presidenta de Les Coruña, Sandra López; a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón; a portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e varias das protagonistas das fotos.

Na exposición "A Rede Visible", 12 mulleres lesbianas, bisexuais e trans poñen rostro á diversidade da actualidade galega a través das fotografías de Susana Milnes Aler. Mulleres emblemáticas da cultura, o deporte, a política, o mundo empresarial e sindical, ou da artesanía, son as protagonistas desta mostra itinerante, que se percorrerá diferentes lugares da xeografía galega.

Trátase de mulleres diversas, que desempeñan papeis fundamentais e que apostan pola visibilidade LBT como Elena Ferro, Xácia Ceive, Marta Álvarez, Lucía Trenor, Artemisa Semedo, Cristy Shedimar Tojo, Marta Fernández, Andrea Nunes, Rocío Fraga, María Falcón, Cristina Yagüe e Patricia López-Carcedo.

A exposición tamén conta con actividades de participación cidadá, entre elas un photocall na que os visitantes poden facer selfies e colgar a súa imaxe en redes sociais, co obxectivo de buscar apoios e ampliar a rede de visibilidade LBT.

Antes de chegar a Santiago, a mostra expúxose na Coruña e en Ferrol. A continuación viaxará a Rois, onde poderá visitarse ata o 11 de xaneiro do 2021, despois, trasladarase a Arteixo, á Avenida do Balneario, até o 22 de xaneiro. A partir desa data "A rede visible" estará dispoñible nos concellos que o soliciten.

Compartir: