MOCIDADE

Noites Alternas despídese con dous obradoiros, teatro e un gran xogo de intriga

16/12/2020 Este venres, 18 de decembro, rematan as actividades do programa "Noites Alternas", no que colabora o concello de Santiago. Despídese con teatro, cun xogo de intriga, e con dous obradoiros: de creación feminista e de cociña cromática. O programa, que comezou a finais de setembro, ten como obxectivos,segundo explicou o concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, na presentación, establecer relacións persoais saudables e construtivas, apoiar a prevención de hábitos de consumo de alcol e drogas e xerar dinámicas críticas, participativas e creativas que poidan reverte en beneficios da xuventude e da sociedade en xeral.

As inscricións en "Noites Alternas", organizado pola Asociación Cultural e Xuvenil Itaca e Xandobela Educación e Cultura; faranse cubrino o formulario en liña dispoñible en www.itaca.gal e nas redes sociais. Cómpre ter en conta, que a causa das restriccións sanitarias, as prazas son reducidas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición.

XOVES

As propostas para mañá, xoves, 17 de decembro, son un obradoiro de creación feminista, "Fiandeiras", con 7H Cooperativa, que se desenvolverá das 20:30 h. ás 23:30 h. no espazo Itaca. A través da transferencia de fotografía en tea e o seu bordado creativo, aproveitarase o poder dos círculos de creación e a unión do fío para reflexionar sobre a sororidade, a autoestima, a igualdade entre homes e mulleres e a creación de conciencia feminista.

A outra aposta é o teatro, coa obra "De cando o destino e os fados nos deixaron mal encamiñados", de Medievándalos. Representarase ás 21:00 h. no Centro Xove da Almáciga. Facer o camiño de Santiago sempre tivo as súas cousas. Agora ven outro ano santo. Menos mal que existen trucos, como os que nos aconsellan nesta obra de peregrinos dende 1.275.

VENRES

E o venres, 18 de decembro, terá lugar un obradoiro de cociña cromática: "Negro", con Tareixa Martínez. Será de 20:30 h. a 24:00 h. nas Brañas de Andrés.Cociñar en negro, é a proposta da que se bota man nesta actividade: aceitunas negras, tinta de calamar, feixóns negros, cacao, allo negro ou café.

E para despedir "Noites Alternas un gran xogo, "A herdanza da tía Itaca", coa Asociación Itaca, no espazo da entidade, ás 20h.30 h. Celebrarase unha gran velada na casa da tía Itaca. Son moitas as riquezas que leva acumulando durante anos de éxito e quere convidar as súas persoas máis queridas a unha cea de Nadal de infarto. Nesta cea anunciará algo moi importante: a persoa que herdará a súa fortuna.

Direccións relacionadas



Compartir: