POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Auditorio de Galicia acolle o 27 de decembro o Festival do Apego

15/12/2020 O concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, presentou o Festival do Apego, que se celebrará o domingo 27 de decembro, no Auditorio de Galicia. A festa do Apego, que este ano se converte, debido ás circunstancias derivadas da COVID 19, nun festival, é unha excelente alternativa nestas datas de Nadal para que as familias teñan diversas opcións e poidan compartir un tempo e un espazo con outros pais e nais interesados na crianza en galego.

Un elenco de artistas recoñecidos polo público miúdo conformarán un espectáculo que amosa a riqueza das creacións en lingua galega para as crianzas. Trátase dun espectáculo escénico e musical de aproximadamente unha hora de duración, con dez propostas referentes do panorama artístico para público infantil, introducidas e conducidas pola presentadora e actríz Iria Pinheiro.

As actuacións programadas no Festival do Apego nesta edición de 2020 son:

Magín Blanco xunto con María Faltri e Jorge Juncal. Presentarán dúas pezas de Gatuxo, un traballo musical que fomenta o descubrimento do mundo das crianzas dende unha perspectiva artística.

Pablísimo, que contará un conto sobre os números e os lugares "Dez ratiños viaxeiros".

O grupo musical Golfiños. Participará en formato dúo con temas para practicar as rutinas do día con moito ritmo. Presentará ademais unha peza inédita sobre os nomes dos días da semana.

Po e Xía as AldaoLado-. Lucía Aldao e María Lado farán a súa achega poético-musical para o público miúdo.

Desde as montañas do Courel achégase ao festival o Apalpador no corpo de Anxo Moure. Un persoaxe típico do Nadal galego, un vello carboeiro que traía castañas asadas ás nenas/os que tiñan fame nos tempos de inverno e que, desta volta, traerá un conto sobre as riquezas da natureza.

Xarope Tulú presentará unha peza de narración oral con música en directo titulada "Salvaxe".

Pakolas trae ao festival unha das músicas do seu novo traballo Ramona Órbita, que chega acompañada das ilustracións de Laura Romero para a ocasión.

Pablo Díaz coa canción que lle dá nome ao seu traballo musical Coas miñas mans aprenderanos a xogar con elas e a cantar todas as posibilidades que ofrecen.

Mamá Cabra, o grupo musical pioneiro na produción de espectáculos musicais para público infantil formará parte do festival coa presenza das súas impulsoras: Gloria Mosquera e Tomi López. Estrearán una cantiga de Nadal con reflexións sobre o coidado da Terra.

Tamén particpará no festival Fantoches Baj, da man de Inácio Vilariño e o seu xigante Zampón Comeletras cos seus bonecos.

Aforo
Para este festival do Apego poránse en circulación 200 entradas, todas de balde. Un número limitado co que se cumpren, neste momento, as normas anticovid en vigor. Segundo explicou o concelleiro Rubén Prol, cómpre establecer unha reserva previa de entradas na web de compostelacultura.gal desde o día 18 de decembro ás dez da mañá. "Pregamos", indicou, "que como máximo, acuda unha persoa adulta por crianza, para maximizar o número de menos e nenas que poidan gozar do espectáculo".

Para as persoas que non poden asistir, retransmitirase por streaming desde as canles de Youtube do Concello de Santiago e do Departamento de Lingua Galega.

Novos contidos
Paralelamente gravaranse e editaranse nove pezas audiovisuais para fornecer como recursos permanentes na rede. Cada unha delas incluirá unha peza musical, unha pequena representación ou un conto que contribúa ao reforzo de referentes culturais actuais e en galego, e que se incorporarán como novos contidos ao Programa Apego. Estas pezas estarán introducidas por cadansúa animación do polbo Po que é o elemento identificador deste programa, a súa mascota.

Segundo explicou Rubén Prol, a transformación que, obrigadamente, tivo que sufrir este ano a Festa do Apego "vai servir para dotar o programa de máis recursos permanentes para a crianza en galego. O audiovisual é una eiva histórica para coa nosa infancia e con esta produción preténdese, ao tempo que cubrir os obxectivos da festa, dotar a lingua de recursos accesibles e en formato dixital que poidan ser empregados en contextos educativos ou de lecer", engadiu.

Contos no Espazo Apego
Nos días posteriores ao festival e xa desde o Espazo Apego, na rúa da República do Salvador, número 12, ofreceranse actuacións adaptadas ás crianzas máis pequenas. Están programadas:

O 28 de decembro, "Contar co vento" de María da Pontragha e Miguelón Paz (para crianzas de 3 a 6 anos); con contos e melodías na compaña da música en directo do acordeón.

O 29 de decembro, "Corochas" de Xarope Tulú (para bebés de 0 a a 3 anos). Contos que nos farán viaxar a lugares onde normalmente non chegamos ou a partes do corpo ás que non lles poñemos atención.

E o 30 de decembro. "Percubebés" (para bebés de 0 a 3 anos). Un obradoiro para aprender, participar e adquirir ferramentas para a execución musical percutindo e cantando.

A inscrición para cada una destas actividades ábrese cunha semana de antelación e pódense realizarse desde a páxina do Departamento de Lingua (delingua.santiagodecompostela.gal), en cadansúa ficha. Rubén Prol espera que o programa teña unha boa acollida entre a cidadanía, e entre os cativos e cativas de Santiago, xa que, engade, en unha forma de "introducir o audiovisual galego dentro da nosa cultura, e sirve, en parte, para paliar a ausencia dunha canle infantil en galego que permita ter unha programación habitual, constante, para os nenos e nenas. Penso que sería un obxectivo moi bo para o noso país", finalizou.

Compartir: