XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba as obras de acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño e a rexeneración e reforzo de distintos viarios municipais

14/12/2020 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto técnico de "rexeneración e reforzo de rodaxe nos viarios municipais 2020", cun orzamento máximo de licitación de 430.000 euros, IVE engadido, e un prazo de execución de catro meses. Dito proxecto contempla a actuación nos seguintes viais: rúa de Bermejo, rúa de Suarribas, rúa de Eslovenia, rúa de Polonia-Rúa de Amio, rúa da Campiña, rúa do Bidueiro, rúa da Granxa do Castiñeiriño e as rúas Torrente e Ponte da Rocha.

Dos acordos de Xunta de Goberno informou en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Destacou tamén a aprobación do expediente denominado "Execución das obras de acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño para usos polivalentes" e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 449.818,4 euros, IVE engadido.

Tamén se aprobou o proxecto básico e de execución de "Mellora da accesibilidade do Pazo de Xelmírez", cun orzamento base de licitación de 94.786,15 euros, IVE engadido, e un prazo de execución de tres meses. E deuse luz verde ao expediente "Servizo de mantemento Select das aplicacións informáticas Bentley Powermap e Microstation de Bentley Systems International Ltd" e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento negociado, establecéndose un tipo de licitación de 28.003,71 euros, IVE engadido.

SMARTIAGO
Ademais, o executivo municipal aprobou o expediente denominado "Subministración dunha rede de telecomunicacións e mobilidade para a solución de administración electrónica do Concello de Santiago de Compostela", no marco do proxecto Smartiago. Tamén se deu luz verde á apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 275.000 euros IVE engadido.

A maiores, acordouse autorizar o reaxuste das anualidades do contrato Proxecto SMARTIAGO – Licitación CPI para desenvolver un sistema intelixente de recollida de RSU quedando do seguinte xeito: anualidade 2021 por 178.596 euros; e anualidade 2022 por 267.894 euros. Anteriormente, as anualidades dividíanse en 2020: 44.649 euros e 2021: 357.192 euros. Por outra banda, aprobouse a sinatura dunha addenda ao convenio asinado con GAÍN para o financiamento de Smartiago. A través desta addenda, o convenio axústase aos cambios realizados no convenio co MICI (Ministerio de Ciencia e Innovación), aos novos prazos de xustificación do FEDER establecidos polo MICI, e á evolución xeral do proxecto.

Smartiago é un programa que forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.

CONVENIOS
Na Xunta de Goberno Local tamén se aprobaron os textos de distintos convenios para o presente exercicio: co Club Ciclista Compostelano, no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 4.800 euros; coa Federación Galega de Kárate para o desenvolvemento do Campionato Galego de Kárate Infantil por 3.500 euros; e co Mercado de Abastos de Santiago por importe de 10.000 euros, que segundo explicou o alcalde, destinaranse a potenciar a programación de Nadal.

Por outra banda aprobouse, inicialmente, a modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Santiago de Compostela para a creación dun posto coa denominación "Titular do Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade", de libre designación, pertencente ao Grupo A (nivel 30), coa escala de persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Documentos relacionados



Compartir: