ALCALDÍA

O informe da Conferencia de Alcaldes do Eixo Atlántico recolle as iniciativas das cidades para afrontar a situación post-COVID e refrenda o liderado municipal

11/12/2020 O Concello de Santiago acolleu esta mañá a presentación do informe elaborado trala Conferencia de Alcaldes, organizada polo Eixo Atlántico, e que se celebrou en Pontevedra o pasado 17 de setembro. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, estivo acompañado polo coautor do informe, Xosé Luis Méndez Romeu, e polo secreratario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

O alcalde fixo fincapé no importante papel das administracións locais, "as máis próximas á cidadanía", na saída da crise provocada pola pandemia. "Esta situación supuxo e vai supor moitos cambios nas vidas das persoas e das administracións", indicou, "e moitos deles chegaron para quedarse". Citou o alcalde como mostra o teletraballo e a dixitalización e puxo como exemplo a convocatoria de axudas para os sectores máis afectados pola crise cuxo prazo de solicitude se abría ás 00.00 horas do venres de forma telemática. "Dende a apertura e ata as 8 da mañá de hoxe chegaron 413 solicitudes", engadiu o rexedor.

O informe presentado hoxe recolle as conclusións ás que chegaron os alcades e alcaldesas do Eixo na reunión de Pontevedra, á que tamén asistiron expertos en diversos ámbitos como a mobilidade ou sostibilidade. Tanto o secretario xeral coma o coautor do informe salientaron a riqueza do debate e a capacidade para chegar a acordos e consensos entre representantes de forzas políticas de todo o arco parlamentario de Galicia e de Portugal.

Este debate xirou arredor de catro grandes eixos que "marcarán a política municipal" do futuro, indicou Xoán Vázquez Mao: o económico, o social, a sustentabilidade e a innovación. Tamén se puxo de manifesto o reforzo do liderado municipal en tempos difíciles: "os concellos foron os que deron resposta" ás inquedanzas da cidadanía, así como a necesidade de camiñar cara entidades que aglutinen concellos e áreas con intereses comúns. "O Eixo refórzase", incidiu e lembrou que xa son 39 as institucións que o integran logo de catro novas incorporacións (que se farán efectivas en febreiro de 2021): Amarante e Gondomar, por parte de Portugal, e a Deputación de Ourense e Ponteareas, da parte galega.

Xosé Luis Méndez Romeu, coautor do texto conxuntamente con Fernando González Laxe e José Santos Soeiro, expuxo as principais conclusións extraídas da Conferencia. En primeiro lugar púxose de manifesto un cambio "na propia consideración das cidades", facendo máis perceptible a necesidade "da priorización do espazo público para as persoas" e dun pulo á política de vivenda e de rehabilitación urbana.

Outro gran obxectivo pasa pola "descarbonización", por facer das cidades espazos máis verdes e sustentables, o que afecta de xeito directo ao tranposporte público ou á xestión da recollida do lixo, entre outros. A reformulación da política de ocio tamén foi outro dos temas tratados, así como a dixitalización: "as políticas intelixentes aplicadas aos servizos, as chamadas smartcities, cobran especial relevancia trala pandemia".

Méndez Romeu tamén definiu outros dous ámbitos nos que teñen que modificarse as políticas locais: o económico e o laboral, onde salientan a chegada do teletraballo, do comercio online e a necesidade dun cambio de paradigma no modelo turístico. "A sustentabilidade pasa a ser o primeiro atributo" para poder atraer visitantes cada vez máis preocupados por asuntos como a pegada ecolóxica.

O informe salienta, así mesmo, a necesidade de "cambios na gobernanza". Lembrou o autor que "a pandemia puxo de manifesto a importancia dos servizos públicos" como forma de garantir a equidade e a atención á cidadanía ao tempo que "puxo en valor o coñecemento experto e o liderado dos alcaldes". Isto leva aparellado, engadiu, unha maior transparencia e rendición de contas, así coma unha evolución da estrutura das administracións cara fórmulas máis horizontais. Finalmente, o documento destaca a actual tendencia e a importancia da unión a través de redes de cidades con obxectivos comúns.

Datos da pandemia en Santiago
Preguntado polos xornalistas sobre a incidencia de casos de COVID na cidade, o rexedor compostelán indicou que estamos "en parámetros bastante razoables" aínda que "cunha evolución de altibaixos". O dato acumulado dos últimos 14 días por 100.000 habitantes é de 80,2, "moito mellor que a media", pero "temos que ter moitísimo coidado, reiterou Sánchez Bugallo, porque "é máis difícil que melloremos e é máis fácil que empeoremos". Por parte do Concello, lembrou, seguirase vixiando o cumprimendo das medidas.

Documentos relacionados



Compartir: