SMARTIAGO

O proxecto Smartiago recibe o premio á mellor iniciativa da administración do Colexio de Enxeñaría en Informática

27/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, clausurou a XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo Colexio profesional de Enxeñeiros en Informática, e recolleu o premio á mellor iniciativa da administración, que recaeu no proxecto Smartiago.

O CPEIG celebrou hoxe a "XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", un evento que este ano conta cunha dobre vertente presencial e virtual. No Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela tivo lugar o evento presencial coa entrega dos premios anuais da profesión, ao que asistiron trinta persoas, mentres que na emisión en directo estiveron conectados máis de 400 profesionais do sector TIC de Galicia.

Na categoría Iniciativa da Administración o premio foi para Smartiago, proxecto do Concello de Santiago "que sitúa a Compostela na vangarda da innovación municipal", como sinalou o xurado.

A xornalista María Almodóvar presentou esta duodécima edición, que clausurou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, deu a benvida a todos os asistentes, tanto a premiados e autoridades presentes como á multitude que seguiu a gala virtual, á cita do Colexio co sector da Sociedade da Información en Galicia. Nun ano atípico como este 2020, agradeceu especialmente o compromiso de todas as empresas TIC colaboradoras, xa que nestes momentos "o apoio, a unidade e a solidariedade que sempre defendemos son máis necesarias que nunca".

Os outros premiados foron a Cidade das TIC, , a aplicación móbil Localsafe, a Confedación Aspace polo proxecto #AspaceNet, Aida Vidal Balea, a Tecnópole, Appentra, Miguel Rodríguez Rubio, Sabela Ramos e Miguel A. Amutio (Máis información en documento anexo).

Proxecto Smartiago
A iniciativa de Europa 2020 "Unión pola innovación" recoñece a importancia da Compra Pública de Innovación e ou seu elevado potencial para impulsar a innovación. Neste senso, a contratación pública de produtos e servizos innovadores é primordial para mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos públicos, especialmente nun contexto de restricións orzamentarias. A iniciativa establece que as administracións públicas deben utilizar a contratación pública cofinanciada polos fondos estruturais para aumentar a demanda de produtos e servizos innovadores. A Compra Pública de Innovación (en adiante CPI) é polo tanto unha actuación de fomento da innovación orientada a potenciar o desenvolvemento de novos mercados innovadores desde o lado da demanda, e que persigue os seguintes obxectivos:
- A mellora dos servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores.
- O fomento da innovación empresarial.
- O impulso da internacionalización da innovación empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.

O Concello de Santiago de Compostela conta coa iniciativa SMARTiAGO, como estratexia para responder aos retos de innovación, implicando no proceso a axentes do Sistema de I+D+i local, rexional e nacional. O seu obxectivo principal é a posta en marcha da folla de ruta formada por un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación da I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio no seu conxunto, de xeito que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nos que o Patrimonio Histórico sexa un atributo distintivo das mesmas. SMARTiAGO permitirá posicionarse tecnoloxicamente nun campo novo a empresas con grande capacidade tecnolóxica, á Universidade e aos Centros de I+D+i do ecosistema local, todo elo acometendo novos retos en liña cos obxectivos FEDER 2014-2020.

O importe total do proxecto ascende a 6.180.000 €, dos que un 80% (4.944.000 €) serán aportados polo Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 a través do Convenio asinado co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades para o Proxecto «SMARTIAGO», e outro 10% (618.000 €) que son financiados pola Axencia Galega de Innovación grazas ao Convenio firmado co propio Concello.

Documentos relacionados



Compartir: