PLENO

O Pleno dá o visto bo ao Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable do Concello de Santiago

26/11/2020 Na sesión ordinaria do mes de novembro, o Pleno da Corporación aprobou o PACES, o Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable, que busca diminuír nun 40%, como mínimo, as emisións de gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030. Tamén se aprobaron por unanimidade dúas mocións para apoiar o comercio de proximidade e fomentar a compra de produtos galegos; e para iluminar o tramo de estrada que une Pazos coa Igrexa de Figueiras.

Santiago de Compostela foi un dos primeiros concellos galegos adheridos á iniciativa da Comisión Europea denominada Pacto das alcaldías contra o cambio climático. Antes de rematar o 2020, o Concello propúxose renovar o seu compromiso coa mitigación do cambio climático, e é por iso que agora o Pleno aproba este plan de acción, que ten como obxectivo diminuír en máis dun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030.

O termo municipal de Santiago emitiu á atmosfera 588.329 toneladas de CO2 en 2015, é dicir 6,2 toneladas por habitante, o cal se sitúa por riba da media española para ese ano (5,7 toneladas CO2/habitante). O Concello traballa agora nun novo Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) que actualice os datos de emisións municipais e propoña novas accións, ademais de analizar os riscos climáticos que afectan ao municipio no curto prazo e propoñer adaptacións que limiten os impactos e aumenten a resiliencia ante fenómenos crecentes como son os lumes, os períodos de seca ou as inundacións.

Para chegar a cumprir os obxectivos de diminuír un mínimo do 40% as emisións de CO2 en Santiago de Compostela é preciso tomar unha serie de medidas relativas á mellora da eficiencia enerxética, á potenciación das enerxías renovables, á mobilidade sostible, á concienciación etc. Ademais, é importante ter en conta a realidade territorial de Santiago de Compostela e a interconexión con outros plans e proxectos municipais.

A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, sinalou que "é preciso ter en conta que un goberno local non pode incidir sobre todas as políticas, pero si pode tomar medidas que afectan aos seus propios consumos. Por exemplo, pode instalar paneis solares nos edificios municipais ou cambiar a flota de vehículos de combustión por eléctricos ou GLP. Tamén pode tomar medidas que fagan fincapé na redución dos consumos privados propiciando a circulación en bicicleta ou promovendo o uso de enerxías renovables nos fogares e nos comercios. E pode levar a cabo medidas de asesoramento e formación como as emprendidas coa Tropa Verde ou o proxecto Descarbonízate".

O PACES é un documento no cal os gobernos locais de toda Europa expoñen a súa estratexia de redución de emisións de CO2, así como as súas ideas para adaptarse ao cambio climático e camiñar cara a unha maior eficiencia enerxética.

Outros asuntos
Na sesión ordinaria de novembro tamén se aprobaron por unanimidade 2 mocións. A primeira delas, a proposta do BNG, acorda desenvolver unha campaña para apoiar o comercio local e fomentar a compra de produtos galegos coincidindo coa tempada de agasallos de Nadal. A segunda, presentada polo grupo municipal popular, insta a continuar coa iluminación pública da travesía da estrada provincial DP 7803 entre Pazos e Figueiras.

Compartir: