CENTROS SOCIOCULTURAIS

A organización supramunicipal Kaleidos.red, da que forma parte o Concello de Santiago, define as súas liñas de actuación para 2021

26/11/2020 O padrodado de Kaleidos.red, organización da que forma parte o Concello de Santiago, aprobou as liñas de actuación do ano 2021 marcadas polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas, especialmente os números 16, no relativo ao fortalecemento das institucións; o número 17, de cooperación e xeración de redes para acadar eses obxectivos; e a aposta por cidades sostibles; como medio de facer fronte con garantías e eficacia aos desafíos que plantexa a actual situación de pandemia; así como a Axenda 2030. Na reunión telemática estivo presente o concelleiro de Barrios e Obras, e Centros Socioculturais, Javier Fernández, e o técnico Enrique Vázquez Naveira.

Nese contexto de fortalecemento dos gobernos locais, Kaleidos.red incidirá sobre catro eixos, nos que xa está traballando o Concello de Santiago: a participación cidadá e construcción social; a integridade e ética aplicada relacionada coa exemplaridade pública como elemento determinante para reforzar a lexitimidade cidadá nas institucións; a transparencia; e a cultura oganizativa entendida como resposta ao actual contexto tecnolóxico, coa dixitalización e automatización da administración, algo que xa se está facendo desde a concellaría de Modernización da Administración Local.

Na reunión do padroado tamén se aprobou a contratación da xerencia de Kaleidos; presentáronse os orzamentos da rede, de 72.000 euros; e, da man do experto Alexander Heichlinger, repasáronse as claves e liñas de acceso ás axudas dos Fondos Europeos para a Reconstrución.

Kaleidos.red, nacida no ano 2.000, é unha organización de referencia a nivel municipal en temáticas como o papel das administracións locais como garantes da sostibilidade, a transición cara novas relacións económicas como resposta ao momento actual, ou como xerar novos modos e maneiras de comunicación entre a administración local e a cidadanía. É un exemplo de como diferentes concellos son capaces de sumar, pór o foco nunha mellor calidade de vida da cidadanía, e traballar para que nosos municipios sexan espazos privilexiados para o desenvolvemento persoal e profesional das persoas que viven neles.

Entre os concellos que integran esta rede atópanse os de Santiago de Compostela, Alacante, Bilbao, Burgos, Xetafe, Málaga, Sant Boi de Llobregat, ou Vitoria-Gasteiz. Todos concordan en que, nunha sociedade cada vez máis complexa e cambiante, agora máis que nunca, é necesaria a participación e implicación cidadá nas políticas e servizos de proximidade, así como unha gobernabilidade baseada na corresponsabilidade e no valor público.

Compartir: